O Concello recibe o informe de accesibilidade sobre a Banda do Río elaborado pola Asociación Juan XXIII
- O Concello implementará melloras co fin de que o barrio e todos os espazos públicos sexan accesibles para toda a cidadanía
Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, reuniuse hai uns días con representantes da Asociación de Persoas con Discapacidade Juan XXIII para coñecer os resultados do Informe de Accesibilidade Cognitiva que a entidade elaborou para a zona da Banda do Río. Aquí o Concello de Bueu está a implementar un proxecto piloto co que construír un “Bueu totalmente inclusivo e accesible para todas as persoas”, apunta a edil.
Este informe elaborouse por petición municipal no marco deste proxecto no que se leva traballando dende comezos do 2020, e co que o Concello adoptará as medidas pertinentes para que a Banda do Río poida ser accesible e, posteriormente, estender esas propostas a outros espazos e infraestruturas municipais. Entre as medidas propostas están a adaptación da cartelería adaptada á contorna, sempre cun tamaño de letra suficiente e bo contraste entre figura e fondo, o uso de fácil lectura en todas as comunicacións, e utilización de pictogramas identificativos en cada infraestrutura.
Silvia Carballo móstrase moi ilusionada con este proxecto “para o que contamos coas entidades que traballan a prol da inclusión social nos diversos eidos”, de aí que se mantivesen diversas reunións de traballo coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), a Asociación de Xordos de Galicia (XOGA) ou a ONCE.
O informe que a Asociación Juan XXIII entregou á concelleira fai fincapé na importancia de que as zonas se fagan accesibles, “pois segundo a Declaración dos Dereitos Humanos de 1948, toda persoa ten dereito a descansar e gozar do tempo libre, gozar da natureza, e como non, das praias con todas as garantías de participación”. Precisamente no barrio da Banda do Río conflúen unha gran cantidade de espazos de lecer, como o parque, o paseo de María Eugenia, o Estaleiro da Banda do Río ou a praia, polo que é idóneo para implementar este proxecto.