Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello recibe aos veciños Samuel Brun e Iago Álvarez, campións galegos de loita na modalidade de grappling

O Concello de Bueu organizou este xoves un acto de recibimento a Iago Álvarez Cabodevila e Samuel Brun, integrantes do Club de Loita do Morrazo e que colleitaron éxitos hai unhas semanas no Campionato Galego de Loita, concretamente na modalidade de grappling.

O acto tivo lugar pola tardiña no salón de plenos do Concello, e nel estiveron presentes Félix Juncal, alcalde da vila, e outros concelleiros e concelleiras da corporación, quen lles entregaron aos mozos e equipos técnicos unhas medallas conmemorativas e bandeiras de Bueu.

Iago Álvarez proclamouse campión na categoría sub 20 de 71 quilos despois de vencer en catro combates. Pola súa banda, Samuel Brun colgou a medalla de prata na categoría senior de 77 quilos vencendo en tres combates por sumisión. Os dous obteñen a praza para asistir ao Campionato de España en febreiro.

O rexedor trasladoulle os parabéns aos dous deportistas, pois “para nós é un orgullo mostrarvos a nosa alegría e apoio nesa carreira deportiva que comezastes” e animounos a “seguir co deporte na vida”. Juncal tamén fixo extensivo o agradecemento ao Club de Loita Morrazo, colectivo dende o que se traballan e adestran estas disciplinas.