O Concello reactiva o plan de limpeza e desbroce da primavera – verán
O Concello de Bueu arrancou hai unhas semanas os traballos de limpeza e posta a punto dos espazos públicos da tempada de primavera – verán. Tal e como salienta Félix Juncal, alcalde de Bueu e encargado da área de obras e servizos, “levamos un certo retraso nos traballos con respecto aos anos anteriores, sobre todo debido ás restricións impostas pola alerta sanitaria da Covid-19, que nos impediron contar coa totalidade o persoal da brigada”. Con todo, e xa coa vista posta na nova normalidade, nestes días púxose en marcha un plan de traballo para esta tempada, que comezou coa limpeza dos xardíns municipais: Urbano Lugrís e As Lagoas, Xardíns de María Eugenia, Praza Massó, a zona verde do tanatorio… Para iso contouse co reforzo do persoal da Fundación Discapacidade e Emprego Juan XXIII, un colectivo que fomenta a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual, e coas que o Concello tamén contou o ano pasado.
Ademais, estanse adecentando os principais accesos a Bueu, concretamente as estradas PO-551 e PO-315, coa máquina varredora da que dispón o Concello.
Estes días, o persoal de obras e servizos acometeu a limpeza e o roce da senda urbana do río Bispo, unha das zonas con máis tránsito da cidadanía. Precisamente, a finalidade do goberno local é que “as areas máis concorridas poidan estar nas mellores condicións posibles”.
A seguinte fase do plan comezará na semana do 18 de maio, cando se rozarán os principais viais e lugares do rural bueués, incluídos os parques. Iso si, as áreas infantís permanecen pechadas con motivo da Covid-19 aínda que, unha vez que se decida a apertura, o goberno local ten previsto realizar unha desinfección a fondo en cada unha delas.
Outro dos focos de traballo serán os cemiterios, que abrirán o próximo luns, e nos que se realizarán diversas tarefas de posta a punto para que estean en óptimas condicións.
Paseo Agrelo – Portomaior, só para vehículos de residentes
Dende o goberno local tamén se adoptou a decisión, hai unha semana, de establecer límite de acceso con vehículos no Paseo José Solla entre as praias de Agrelo e Portomaior, que só se permitirá para as persoas residentes da zona, a fin de que poidan cumprir co distanciamento social e dispoñer de máis espazo. Esta medida continuará ata novo aviso, e non se descarta aplicala noutras zonas do municipio.