O Concello procederá á limpeza e desbroce das beirarrúas da PO-551 e da PO-315
O Concello de Bueu acometerá a limpeza das beirarrúas de dúas das estradas máis utilizadas pola cidadanía como son a PO-551 e a PO-315, para o que empregará un equipo especial, que constará dunha máquina varredora e outra manual.
Os traballos comezarán este martes na PO-551, concretamente entre Trasouto e a entrada á Torre, en Cela, onde se levará a cabo a limpeza das beirarrúas e da parte alta das propiedades por parte dunha persoa coa máquina manual, e a continuación se completará coa varredora, que actuará nos bordes e na calzada. Segundo apunta Félix Juncal, alcalde e concelleiro de obras e servizos, estes traballos van requirir restricións do estacionamento de vehículos nalgúns tramos. Así, o martes e mércores, na zona de Loureiro prohibirase o aparcadoiro á marxe dereita en dirección a Pontevedra, e o xoves e venres, na mesma marxe pero en dirección a Bueu.
A seguinte semana será a quenda do centro da parroquia de Beluso para continuar pola zona da Carrasqueira e a rúa Pazos Fontenla, e que tamén suporá restricións de aparcadoiro que se irán anunciando nos vindeiros días.
O Concello de Bueu asume a limpeza destes viais de titularidade autonómica, aínda que aproveita para reivindicar o esquecemento da Xunta de Galicia dos espazos bueueses, como son as beirarrúas e as baldosas, ademais da histórica demanda de mellora da seguridade viaria en tramos como o de A Chadiza – Cabalo. Neste sentido, daranse indicacións aos técnicos municipais para que se elabore un informe sobre o mal estado da sinalización horizontal e vertical destes viais, que se trasladará á Xunta co obxectivo de que se faga unha renovación completa e actualizada aos tempos.