O Concello presentou a XIII Campaña de Educación Non Sexista
- O acto de entrega de almanaques coa imaxe da campaña celebrouse este martes no IES Johán Carballeira
O IES Johán Carballeira de Bueu acolleu no mediodía deste martes, 17 de decembro, a presentación da XIII Campaña de Educación Non Sexista, na que estiveron presentes Montserrat González, directora do Centro de Información as Mulleres (CIM), Asun Soñora, directora do centro, e Noelia Torres, vicedirectora. A presentación consistiu na entrega dos almanaques de peto confeccionados coa imaxe gañadora do certame de viñeta e ilustración ‘A igualdade no traballo’ convocado con motivo do 8 de marzo, no que Carlos López Menduíña resultou gañador, cun deseño no que reflexiona sobre a evolución de ambos sexos cara á desigualdade. No acto, o alumno, que cursa 2º de ESO, explicou que “esta viñeta reflicte a inxusta realidade na que os homes evolucionan e as mulleres parecen sempre quedar relegadas ás tarefas do fogar”.
Entre os obxectivos da campaña están a eliminación dos roles e estereotipos sexuais, favorecer as relación de equidade entre o alumnado e rexeitar a desigualdade, así como sensibilizar dun xeito activo a fin de erradicar a violencia de xénero e as relacións de poder asimétricas. Durante o acto, Montserrat González, lembroulle ao alumnado que “o cambio está en vós, xa que temos que cambiar a sociedade”, ao tempo que reivindicou que “se non hai igualdade, non hai xustiza”.
Precisamente unha das liñas de traballo máis importantes do CIM de Bueu é o impulso da coeducación, da educación en valores e libre de desigualdades para lograr un mundo máis xusto. Por iso, este ano entrou en vigor o I Plan de Igualdade Intercentros (2019-2022), elaborado cunha subvención da Deputación de Pontevedra, e que ten por obxectivo que toda a comunidade educativa da vila vele pola aplicación daquelas medidas que vaian encamiñadas a fomentar o respecto ás diferenzas, entre elas, a igualdade efectiva entre homes e mulleres. Así mesmo continúase cos obradoiros de ciberacoso nos diversos centros e a partir de xaneiro, a rapazada de secundaria poderá ver o documental ‘Agullas. Historias de supervivencia persoal’, que foi elaborado polo Concello e no que se recollen testemuñas de mulleres vítimas de violencia de xénero, ademais da opinión de voces expertas.