O Concello presenta o poemario ‘Dou aulas de ioga por videoconferencia’, gañador do XXIV Premio Johan Carballeira de Poesía
- O acto terá lugar o próximo luns, 25 de abril, ás 20.30 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, e nel intervirán a autora Xandra Táboas e o concelleiro de cultura Xosé Leal
- Nos próximos días reuniranse os xurados que decidirán os gañadores ou gañadoras dos Premios Johan Carballeira nas modalidades de poesía e xornalismo
O Concello de Bueu organiza este luns, 25 de abril, a presentación do libro Dou aulas de ioga por videoconferencia, o poemario co que Xandra Táboas Martínez e Adriam Mosqueira Paços gañaron o XXIV Premio Johan Carballeira de Poesía. O acto, que se celebra con motivo do Día do Libro, terá lugar ás 20.30 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar e contará coas intervencións da autora Xandra Táboas e de Xosé Leal, concelleiro de cultura.
O libro, publicado pola editorial Xerais, é unha proposta poética na que os autores constrúen un diálogo fresco e diferente que explora, en clave irónica, o noso tempo e o carácter deshumanizado da sociedade actual utilizando unha perspectiva experimental e iconoclasta.
Xandra Táboas Martínez (Vigo, 1982) é creadora, crítica e investigadora escénica. As súas creacións, nas que emprega elementos como poesía, instalación ou artes do movemento e de acción, en conexión coa fotografía performativa e a videocreación,oriéntanse cara a unha perspectiva transversal e inclusiva de xénero, política e social, comunitaria e horizontal. Publicou este poemario canda Adriam Mosqueira (Ames, 1985), quen conta con varios libros como fora de control, interferências, labirintos do silêncio, interrogantes, abracaribes, para o pobre sempre é noite e proibido sentir. Diplomado en educación social e con estudos en antropoloxía social e cultural, sufriu a represión en diversas ocasións, sendo preso político independentista entre os anos 2013 e 2020.
Reunións xurados
Os premios Johan Carballeira naceron no coma unha homenaxe do Concello de Bueu ao político, poeta e xornalista bueués José Gómez de la Cueva, e ao longo da súa historia teñen premiado a moitísimas persoas relacionadas co mundo cultural, nas súas categorías de poesía e de xornalismo.
Precisamente, a concellaría de cultura xa conformou os xurados para decidir os gañadores ou gañadoras da presente edición. O luns 25 de abril ás 17 horas celebrarase a reunión do xurado do certame de poesía e o 3 de maio, ás 18 horas, o de xornalismo.