Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello organizou esta fin de semana as xornadas ‘Bueu e a fala: o galego 3.0’

  • O programa incluíu a presentación de experiencias exitosas na rede, no audiovisual e no videoxogo que teñen o galego como lingua vehicular
  • No certame “Mergullándonos no TikTok” presentáronse máis dunha trintena de vídeos dos que se seleccionaron tres proxectos gañadores

O Concello de Bueu organizou a pasada fin de semana as xornadas «Bueu e a fala: o galego 3.0», nas que se reflexionou sobre o uso do galego e o potencial para os novos medios, unha iniciativa que forma parte das acción de normalización lingüística do goberno local e que contou co financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.
O programa arranxou o venres pola tarde no Centro Social do Mar con Marcos Maceira, presidente de A Mesa pola Normalización Lingüística, quen abordou as diversas campañas desta entidade para que o galego estea presente no audiovisual, tanto nas grandes plataformas como a través da canle Xabarín. A continuación, celebrouse unha mesa redonda na que participaron as persoas fundadoras de varios proxectos exitosos na rede, caso de Carmen García, de Xornal de Bueu, Borxa Castro, de Orgullo Galego e Daniel González, de Gz Música, para falar sobre as orixes e as dinámicas de futuro, demostrando que o galego é unha lingua con moito potencial, pero tamén das dificultades atopadas no día a día.

O sábado, a Sala Amalia domínguez Búa foi o escenario dun gran espazo dedicado á industria do videoxogo en galego, da man do Museo do Videoxogo de Cangas, no que as persoas asistentes puideron coñecer e xogar a varios videoxogos pioneiros na nosa lingua. A xornada comezou pola mañá cunha charla sobre os inicios desta industria, e continuou durante todo o día con máis actividades, coma un obradoiro de intercambio interxeracional ao redor do videoxogo «Avoo», e unha mesa redonda na que participaron Luz Castro, de videoxogo.gal, Carlos Pereiro, da revista Morcego, Carlos Vieito, de A Mesa, e Inés Mirás, de Grimorio Of Games.  

Xa o domingo celebrouse a gala de entrega dos premios do 1º Certame Mergullándonos no TikTok organizado polo Concello nesta rede social e no que resultaron gañadores os vídeos de @meermeelada (vídeo con máis visualizacións), @uxvilux e @rodrimiguez, dos que un xurado de expertas nesta rede social (@todomal.va, @saraescorial e @pradorua) destacou a orixinalidade e a boa calidade técnica. Dun total de máis de trinta vídeos presentados baixo o cancelo #SeVouATikTok, as persoas seleccionadas fixéronse con tres “kits tiktokers” conformados por un aro de luz, unha cámara instax, un diploma e un vale para consumir no comercio local, nunha gala presentada pola actriz e comunicadora Beatriz Campos e que serviu de clausura do programa.

As  xornadas naceron o pasado ano cun programa destinado ao audiovisual e continuaron nesta ocasión co galego nas redes sociais, co obxectivo de normalizar o uso da lingua galega en diferentes ámbitos da sociedade.