O Concello mostra o apoio á veciñanza de Ons que iniciou un peche na Casa Consistorial
Os illáns e illás protestan contra as declaracións manifestadas nos últimos días pola Xunta de Galicia en relación co acceso ás súas vivendas
Félix Juncal, alcalde do Concello de Bueu, manifesta con absoluta rotundidade o apoio incondicional á reclamación da veciñanza da Illa de Ons que estes días iniciou un peche no salón de plenos da Casa Consistorial en sinal de protesta ante a confusión xerada pola Xunta de Galicia co sistema de acceso ás súas vivendas. O rexedor cualifica a actitude da Xunta como “insensata, irresponsable e desleal coas persoas de Ons e co Concello de Bueu”.
“Non estamos dispostos a aceptar que o acordo ao que se chegou o 18 de setembro de 2019, froito da mesa de diálogo entre a representación da veciñanza, os membros da corporación municipal, así como da Conselleira de Medio Ambiente e do Conselleiro de Cultura, sexa incumprido e interpretado nun sentido totalmente oposto”. Neste sentido, o alcalde insiste en que o acordo recoñece un cupo para illáns e illás de 800 persoas en total, ao que habería que engadir, se houbese demanda, un bloqueo de ata 300 prazas do cupo de visitantes, tal e como se acordou na mesa de setembro.
Dende a Alcaldía, con motivo das dúbidas xurdidas nos días previos á Semana Santa, remitiuse ás dúas Consellerías, así como á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, un escrito aclarando todas e cada unha das cuestións relacionadas con ese acordo consensuado, sen que a día de hoxe se recibise ningunha resposta ao respecto. Así e todo, nas últimas horas mantivéronse conversas telefónicas coas diversas Consellerías, polo que o alcalde confía en que “a Xunta de Galicia rectifique e cumpra co estipulado posto que, de non ser así, as posicións volverán a antes desa reunión e posterior acordo, escenario ao que non nos gustaría chegar”.