O Concello lembra á cidadanía que os restos vexetais deberán depositarse no Punto Limpo ou compostarse na horta
- As persoas que o desexen poden facer uso do servizo de préstamo de biotrituradoras eléctricas, que permitirán tratar os restos de poda que se xeren e dispoñer de estruturante para os composteiros
O Concello de Bueu lembra que a cidadanía que queira desfacerse de restos vexetais deberá dirixirse ao Punto Limpo situado na planta de A Portela, ou compostalos na propia horta. Dende a área de medio ambiente e compostaxe do Concello, aclaran que en ningún caso se poden depositar nos composteiros comunitarios nin nos colectores verdes.
Debido á chegada da primavera, moitas persoas aproveitan para facer cortas e rozas nas súas fincas, e a semana pasada apareceu no composteiro comunitario situado na rúa Xosé María Estévez un monte de restos vexetais, que se depositaron de forma errónea, tal e como informa a técnica de compostaxe do Concello de Bueu. Ante iso, alértase que é importante que a cidadanía colabore e teña información para xestionar correctamente estes residuos, e por iso se informa que o Punto Limpo dispón de horario de atención ao público os martes e sábados de 9 a 13 horas, e os xoves de 15 a 19 horas.
Ademais de que os restos vexetais sexan tratados correctamente, dende a Mancomunidade de Concellos do Morrazo ofrécense dende finais do pasado ano un servizo de préstamo de biotrituradoras eléctricas que permitirán á veciñanza tratar nos seus domicilios os restos de poda que xeren e, dese modo, dispoñer de provisión de material estruturante necesario para o óptimo funcionamento dos composteiros. As persoas que desexen contar cunha das nove biotrituradoras eléctricas terán que entregar unha solicitude no Rexistro Xeral ou na Sede Electrónica do Concello, xunto a unha copia do recibo do lixo. Poderán ser persoas usuarias do servizo municipal de préstamo destas máquinas todas as maiores de idade, con domicilio no concello, que se dean de alta no servizo e que se atopen ao corrente nos deberes tributarios ca Mancomunidade. Este servizo de préstamo permitirá a correcta xestión dos residuos de orixe vexetal no propio fogar. Con elas contribuirase a evitar que os residuos rematen no circuíto de recollida do lixo, co conseguinte aforro na súa xestión, ademais de obter un produto de valor engadido para o programa de compostaxe da Mancomunidade, xa que pode ser empregado como estruturante para os composteiros ou como material para a horta ou xardín. Así mesmo, permitirá reducir o número de queimas, minimizando os riscos de incendio e de contaminación ambiental.
A ordenanza de préstamo e o formulario de solicitude están dispoñibles na páxina web do Concello de Bueu.