O Concello iniciou esta semana o programa ‘Convida Bueu 2020’
- A actividade estenderase durante todo o verán, e difundirá música, cinema e teatro para todos os públicos
O Concello de Bueu deu comezo esta semana ao programa Convida Bueu 2020, que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través da Liña 2 do Plan Concellos 2020, e que ofrecerá durante o verán música, representacións teatrais e cinema, nunha clara aposta pola cultura e coa aplicación de protocolos de seguridade e hixiene para que sexan eventos plenamente seguros.
Así, o público adulto gozou o luns do rap combativo do grupo ponteareán Sondarúa, que expuxo as súas letras máis comprometidas diante dun público totalmente entregado na Praza Massó. No mesmo espazo programouse a representación teatral ‘Contos para un caldiño’, que desenvolveu a compañía Baobab Teatro o martes, e a proxección da película ‘Paddington 2’, da que o público familiar gozou o mércores.
Programa da próxima semana
O programa completo vai continuar o próximo luns, 13 de xullo, coa proxección do filme de ‘La Tortuga Roja’, ás 22.30 h na Praza Massó, e a actuación teatral de Rilo e Penadique, que contarán e cantarán as súas historias no entorno do estaleiro da Banda do Río o martes 14 a partir das 21.00 h.