O Concello inaugura o Centro de Compostaxe Comunitaria de Beluso
O Concello de Bueu inaugura este venres 28 de maio, o centro de compostaxe comunitaria de Beluso. Así, entre as 10 e as 13.30 h instalarase unha mesa informativa no aparcadoiro de Beluso, na que a mestra composteira informará á veciñanza sobre como participar no composteiro para reciclar a materia orgánica. Ademais, repartiranse mostras de compost, plantas, bolsas de tea…
O composteiro foi instalado grazas ás subvencións concedidas pola Xunta de Galicia, cofinanciada con fondos FEDER, e máis o Plan Revitaliza da Deputación Provincial de Pontevedra. A cidadanía que desexe participar deberá separar moi ben os restos orgánicos na casa (restos de comida, crus ou cociñados) e, unha vez depositados no composteiro, cubrilos ben co triturado de madeira que sempre hai dispoñible no caixón de estruturante. Unha vez o compost estea elaborado, será repartido entre a veciñanza para que se realice uso del.
A compostaxe leva funcionando na vila bueuesa dende hai xa máis de cinco anos, cando se instalaron os dous centros comunitarios na rúa Xosé María Estévez e en Pazos Fontenla, nos que se xestionan máis de 30 toneladas ao ano de biorresiduos. Amais, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e de Sogama, o Concello repartiu preto de 150 composteiros individuais entre a poboación interesada; e xestionouse a instalación en case todos os centros educativos da vila. Ademais, nos próximos meses xestionarase o reparto doutro lote de composteiros individuais, que a cidadanía poderá solicitar cubrindo un formulario na páxina web municipal.
Segundo salienta Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente, “dende hai un ano contamos cunha mestra composteira, o que nos permitiu dar un gran salto de cualidade en materia medioambiental”. A contratación desta mestra composteira está subvencionada pola Deputación de Pontevedra ao abeiro das «Subvencións aos concellos adheridos ao Plan Revitaliza para o nomeamento interino de mestras e mestres composteiros».