O Concello estuda medidas para a reactivación da hostalería e do comercio local
- Silvia Carballo, concelleira de promoción económica, mantivo unha reunión telemática co sector este venres, na que achegaron as súas propostas
- Entre as medidas a estudar están, entre outras, a creación duns bonos ou un estudo individual para a reorganización das terrazas de cada local hostaleiro
A concelleira de promoción económica e turismo de Bueu, Silvia Carballo, reuniuse este venres coa directiva da Asociación de Hostalería de Bueu e co xerente da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO). Esta xuntanza, que tivo lugar de forma telemática debido ao estado de alarma provocado pola Covid-19, únese ás que xa mantivo a edil nas semanas anteriores coas dúas entidades para a realización dun plan económico de reactivación da economía local. Segundo salienta Carballo, “no Concello estamos ao lado da hostalaría e do comercio local, sectores que son unha prioridade na nosa liña de actuación para reactivar a economía local”.
Neste senso, a concelleira da área agradece enormemente a colaboración do sector, cuxos representantes achegaron unha monte de ideas para levar a cabo e que se terán en conta. Así, por parte do Concello, Carballo adiantou unha serie de medidas que se están estudando e que se poñerán en marcha, de ser posibles, nas próximas semanas coincidindo coas diversas fases da desescalada. A primeira idea que se está barallando é a eliminación da taxa por ocupación de terrazas, cuxa viabilidade ten que ser avaliada polos servizos técnicos municipais.
Tamén se acordou cos representantes da hostalaría que se vai facer un estudo individual de cada local a fin de reorganizar o espazo de ocupación das terrazas, que aseguraría a viabilidade e a seguridade nos mesmos. “Consideramos que con este estudo se velaría pola garantía dos establecementos e, ao mesmo tempo, pola tranquilidade da cidadanía”.
Por último, a edil anuncioulles que se está traballando na creación duns bonos para a hostalaría e o comercio, así como en varias campañas de promoción do consumo dende o Concello.
Co fin de anunciar a posta en marcha destas propostas, o próximo martes terá lugar unha nova reunión coa hostalaría na que estarán, ademais de Silvia Carballo, o alcalde, Félix Juncal, o vicealcalde e concelleiro de facenda, Julio Villanueva, e o edil de urbanismo, Martín Villanueva.