Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello elaborará unha memoria fotográfica das festas de Ermelo, Ons, Cela e Beluso

  • A iniciativa forma parte das Freguifestas 2018 que recuperan da man do goberno as celebracións no rural para xullo e agosto

O goberno bueués, a través da Concelleria de Cultura, bota a andar un ambicioso proxecto que busca recuperar nas parroquias e lugares das vilas a memoria fotográfica das festas que tradicionalmente eran organizadas pola veciñanza destes lugares. Para iso o primeiro dos pasos dados polo departamento que dirixe o nacionalista Xosé Leal consiste en animar á veciñanza e ao tecido asociativo destes lugares do rural de Bueu a recuperar fotografías históricas das festas para a partires do mesmo desenvolver o chamado ‘Albúm Festeiro’, que pretende recrear as situacións desas instántaneas durante as celebracións que van ter lugar a finais de xullo e en agosto en cada unha das parroquias e lugares. A iniciativa entronca coa filosofía do goberno local de por en valor aspectos como a convivencia interxeracional e o respecto polas tradicións. As persoas interesadas deberán contactar co departamento de prensa municipal, en horario de mañá ou ben a través do correo electrónico comunicacion@concellodebueu.gal, para poder concretar a dixitalización das instantáneas en cada un dos lugares a través da fotógrafa bueuesa Alba Sotelo que será a encargada de coordinar este proceso. Este proxecto terá continuidade o día das celebracións cun roteiro fotográfico nos que se levarán a cabo recreacións desas mesmas instantáneas para mostrar a evolución actual das festas nestes lugares, e que contará ademais cunha serie de micropezas teatrais a cargo de integrantes actuais e antigos do grupo de teatro amador «Comediantes Anónimos» do IES Johán Carballeira.

Freguifestas

Xosé Leal destaca que esta iniciativa, na cal xa se está involucrando a moitos veciñas e veciños das parroquias, forma parte dun proxecto que vai recuperar as verbenas nestes catro lugares e que terá o colofón final coa cita de Bueu enmarcada dentro do San Martiño. Trátase de eventos sostibles que buscan incidir en aspectos tan importantes como a lingua, a igualdade, o respecto polo medio natural e as tradicións. Deste xeito as Freguifestas conlevarán unha homenaxe a mulleres e homes que antigamente e tamén a día de hoxe son referentes das festividades do rural para o cal xa se están estudando as persoas que van inaugurar este recoñecemento colectivo entre a súa veciñanza.

As datas das citas festivas comezarán en Ermelo o sábado 21 de xullo e seguirán en agosto en Beluso o 15, en Ons o 18, en Cela o 25 e terán como colofón a cita do centro da vila co seu patrón os días 10 e 11 de novembro. As mesmas contarán ademais de cos roteiros e as homenaxes, con música tradicional e actual (de verbena, cantos de taberna, rock…) para maiores e xente moza e espectáculos para a rapazada, nun programa que se presentará nas vindeiras semanas pero que xa ten asegurada a actuación en Bueu do grupo Dakidarria grazas ao programa Musigal da Deputación de Pontevedra. Para Leal estas citas «buscan revalorizar os espazos de convivencia que hai nas diferentes parroquias mesturando a tradición e a modernidade e fomentando valores na sociedade, nun proxecto global que definimos como Bueu Espazo para a Xente que faga que toda a veciñanza da vila sinta orgullo de pertenza aos seus lugares e á vila no seu conxunto”. Neste aspecto destaca que a iniciativa que serviu de banco de probas desta idea foi a que se levou a cabo o pasado ano en Ermelo coa inauguración do espazo do entorno da igrexa no cal o Concello organizou tamén unha presentación dun libro ademais de actividades e unha verbena que foi un éxito tanto para a veciñanza da aldea como para as persoas que se achegaron ata o denominado cerne de O Morrazo.