O Concello de Bueu traslada á FEGAMP diversas queixas polos espazos portuarios
O Concello de Bueu trasladou este venres á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) unha serie de consideracións arredor das problemáticas que están xurdindo no dominio público portuario. O escrito da alcaldía, remitido en resposta a un correo electrónico da FEGAMP, alude a cinco puntos principais.
O primeiro fai referencia ás dificultades para obter as autorizacións pertinentes de Portos de Galicia para os eventos deportivos e culturais que de forma habitual se veñen celebrando ao longo da historia, moitos dos cales contan cunha gran tradición na vila. Tal é o caso dos atrancos na autorización para a actuación de Roi Casal no marco das Festas das Alfombras Florais de Bueu, o cal se solicitaba para un espazo portuario en réxime de concesión administrativa.
Así mesmo, tamén se fai referencia ás reiteradas ocasións nas que se solicitou desde o Concello a desafectación dos espazos portuarios que actualmente non teñen estes usos, recibindo negativas recorrentes por parte do ente autonómico.
A desatención absoluta dun mínimo de mantemento e conservación dos espazos que non teñen uso portuario, é a terceira das cuestións abordadas. Actualmente, e dende fai anos, o Concello de Bueu, a pesar de non ter ningún convenio que o obrigue, vense facendo cargo dos custes que supoñen: coidado de xardíns, reparación de pavimentos, reposición de rampla de acceso dun tramo do paseo marítimo, renovación do alumeado e mobiliario urbano, substitución dun parque infantil… Así mesmo, o Concello asume os custes de limpeza e coidado dunha praia que se atopa dentro do ámbito portuario, así como a substitución de lousas nunha rúa pertencente tamén ao ente autonómico. Por certo, cómpre destacar que o mal estado desta rúa fai que moitas persoas sufran percances, coas pertinentes reclamacións que despois se realizan ao Concello.
Desde o escrito da alcaldía lémbrase tamén a negativa de Portos de Galicia a autorizar que o Concello acometese un proxecto de acondicionamento do espazo do antigo serradoiro, actualmente en terra e cunha imaxe lamentable. Así mesmo, esgrímese unha protesta contra a percepción dunhas taxas portuarias considerables ao longo de toda a anualidade.
Tendo en conta que acaba de ser aprobado a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP), onde quedan definidos os usos portuarios dos diversos espazos, non se xustifica hoxe en día o mantemento do estatus actual de todos os espazos que carecen de uso propiamente portuario.
A este respecto, o Concello leva solicitando, dende fai máis de vinte anos, e ante diversos responsables do organismo autonómico, a necesidade de acometer un proxecto integral de rexeneración de toda a fronte portuaria, actualmente fragmentada e incompleta, no medio urbano.
Así mesmo, e dado que foron acometidas actuacións noutros Concellos de Galicia, e en vista de que o pagamento das taxas é igual en todos os municipios, demándase un trato xusto por parte do ente autonómico para o Concello de Bueu.