O Concello de Bueu suspende os actos presenciais do Entroido 2021 e propón unha exposición virtual
- A idea é recompilar fotos antigas sobre esta festa para compartir nas redes sociais municipais
O Concello de Bueu decidiu suspender o Entroido 2021 debido á situación da Covid-19 e ao nivel de alerta máxima no que se atopa o municipio. Así llo comunicou Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, ao Comité de Entroido, no que están representadas as comparsas da vila, as anpas e outros axentes colaboradores con esta festa.
A pesar da cancelación de todos os actos presenciais, o Concello promove unha campaña de recollida de fotos históricas sobre esta tradición e coas que se organizará unha mostra virtual a través das redes sociais. A finalidade é que “o espírito do Entroido continúe vivo”, como apunta a edil nacionalista.
Así, as persoas que desexen enviar fotos poderán facelo mediante dúas vías: ou ben enviando un correo electrónico a turismo@concellodebueu.gal ou cubrindo un formulario na web municipal.