O Concello de Bueu súmase á petición dunha canle ‘Xabarín Club’ na TVG
- Agustín Gallego, concelleiro de normalización lingüística e mocidade, presenta unha moción para o pleno de apoio para unha maior e mellor difusión de programación infantil e xuvenil en galego
- Este xoves, responsables da Mesa pola Normalización Lingüística estiveron recollendo sinaturas de apoio entre a cidadanía bueuesa
Agustín Gallego, concelleiro de normalización lingüística e mocidade de Bueu, estivo este xoves xunto a representantes da Mesa Pola Normalización Lingüística na recollida de sinaturas que realizaron en apoio á campaña para crear unha canle Xabarín Club na TVG e impulsar unha mellor difusión da programación infantil e xuvenil en galego. O edil nacionalista, acompañado do alcalde e doutros membros do goberno local, aproveitou para salientar que no pleno de decembro se debaterá unha proposta de apoio a esta iniciativa que pretende aumentar a oferta en galego destinada á infancia e mocidade nas televisións públicas.
Entre as alternativas propostas estarían a creación dunha canle Xabarín, con programación dispoñíbel en todas as plataformas de contidos audiovisuais, así como aplicacións actualizadas que conten con programas e xogos atractivos, educativos e de produción galega. Tamén se propón que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego na canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App. E por último, solicítase que o goberno galego chegue a acordos con outras administracións e empresas co fin de garantir a opción dobrada e lexendada ao galego en todas as plataformas dixitais de televisión, en especial para a recepción mutua entre Galiza e Portugal.
O concelleiro expón que “a lingua galega precisa espazos de uso, de reprodución e socialización para existir e desenvolverse” e que “o galego de estar en todo e para todo, en palabras de D. Ricardo Carvalho Calero”. E é que á TVG á que debe contribuír á normalización da lingua galega e á difusión da cultura propia de Galicia.