O Concello de Bueu solicita á Xunta de Galicia a instalación e renovación de varias marquesiñas nas estradas autonómicas
- Dende a Alcaldía enviouse un escrito á AXI para que se actúe en seis puntos dos viais PO-551 e PO-315
- Félix Juncal, alcalde da vila, salienta que “é preciso renovar as marquesiñas en mal estado ou con materiais anticuados, ademais de situar algunhas novas en varias paradas que non a teñen”
O Concello de Bueu, a través da Alcaldía, vén de solicitar que por parte da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) da Xunta de Galicia se leven a cabo as actuacións precisas para revisar as marquesiñas e instalar outras novas nas estradas da súa competencia. Tal e como se explica no oficio da alcaldía “nos últimos anos, un número importante de veciños e veciñas veñen reclamando no Concello a súa instalación e revisión, dado que moitas se atopan en mal estado e noutros lugares nos que hai parada de autobús pero non existen marquesiñas, polo que non é seguro dado que non están ao resgardo da chuvia e das inclemencias meteorolóxicas, amais de supoñer un problema de seguridade”. Á vista desta problemática, e sendo conscientes da mesma, dende a Alcaldía solicitouse un informe da Policía Local no que se poñen de manifesto estas necesidades nas dúas vías autonómicas, caso da PO-315 e PO-551, e que se remitiu a pasada semana ao organismo da Xunta.
Felix Juncal, alcalde da vila, apunta que “é preciso renovar as marquesiñas en mal estado ou con materiais anticuados, ademais de situar algunhas novas en varias paradas que non a teñen”. En paralelo apunta que os traballos de mantemento seguirán correndo a cargo do Concello. “Agardamos que o próximo ano a Xunta renove elementos, mentres que dende o Concelo, como vimos facendo sempre, poidamos seguir colocando algunhas máis nos viais municipais”, remarca o rexedor.
Na PO-315, o informe da Policía Local incide na necesidade de instalar marquesiñas no punto quilométrico 0+560, fronte ao CPR Virxe Milagrosa, no 0+810, despois da intersección coa rúa Alexandre Bóveda, e habería que substituír a que se sitúa no punto 5+580, en Bon de Arriba, debido ao seu estado de deterioro. Así mesmo, neste vial tamén é preciso levar a cabo traballos de mantemento e limpeza nas de Achadiza, Montemogos e Vilar.
Pola súa banda, na estrada PO-551, solicítase a instalación de dúas novas marquesiñas, situadas no lugar de Loureiro (punto quilométrico 10+200) e en Trasouto (punto 12+820), e a substitución da de Agrelo, localizada no punto 9+900, que carece de teito. Precisamente, a de Loureiro xa fora solicitada en abril deste ano, e do mal estado da de Agrelo xa se advertiu a responsables autonómicos en varias ocasións, sobre todo a raíz do temporal Kirk cando se desprendeu o teito. Así mesmo, neste vial é preciso acometer traballos de mantemento e limpeza en dúas situadas no lugar de Castrelo, nos puntos 8+560 e 8 +880.