O Concello de Bueu segue apostando pola compostaxe
O Concello de Bueu, dende o servizo de xestión de biorresiduos e compostaxe, informa á cidadanía da dispoñibilidade de compost para que a veciñanza poida recollelo no composteiro comunitario da rúa Xosé María Estévez, xustamente na unidade que está aberta polo lateral. Segundo Iria Rey, a técnica municipal da área de medio ambiente, “o compost está sen peneirar e é ideal para o seu uso en hortas, froiteiras, abonados de fondo,… mesturando en proporción de 3 partes de terra por 1 de compost”.
Este composteiro, que comezou a funcionar hai catro anos, conta cunha alta participación cidadá (aumentou un 28 % con respecto ao 2019), polo que se produce moita cantidade de compost xunto ao de Pazos Fontenla, que está dispoñible en semanas alternas. O Concello de Bueu aposta forte pola compostaxe e dende o servizo anímase a todas as persoas e familias a sumarse a este proxecto, para o que soamente se necesita separar ben os restos orgánicos nas casas como restos de froitas e hortalizas, pousos de café, carne e ósos, peixe e espiñas, panos brancos sen tinturas, cascas de ovos, froitos secos ou pan.
Nos últimos catro anos, a vila bueuesa sumou cada vez máis participantes á compostaxe comunitaria, a través dos dous centros presentes no casco urbano, e tamén se fixo entrega de 150 composteiros individuais ás familias do rural, para a que se contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra e de Sogama.
As persoas que teñan dúbidas ou queiran saber máis sobre a compostaxe, poderán escribir un correo electrónico a compostaxe@concellodebueu.gal