Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu renova a iluminación do Campo de Fútbol de A Graña

  • As obras ascenderon a preto de 37.000 euros e con ela diminuirase o consumo eléctrico e os custes de mantemento
  • Ademais, en breves afrontarase a nova conexión eléctrica e o goberno local continúa avanzando na xestión dos terreos para o novo acceso ao campo

O Concello de Bueu substituíu vinte e catro proxectores do Campo de Fútbol de A Graña por outros de tipo LED co que se agarda mellora a eficiencia enerxética e incrementar a iluminación. Esta actuación, que se insire no marco do plan de mellora das infraestruturas municipais, levouse a cabo coas axudas da Deputación de Pontevedra, tanto no Plan Extraordinario de infraestruturas deportivas como no Plan + Provincia 2024.

Félix Juncal, alcalde da vila, visitou a instalación a semana pasada canda os concelleiros municipais Xosé Leal e Silvia Carballo, e destacou que “a previsión era que a obra estivese completada antes, pero finalmente os traballos para a retirada do cableado existente prolongouse máis tempo do previsto, e por iso pedimos desculpas ao Club Deportivo Bueu pola demora”. A obra foi adxudicada á empresa Lumea Soluciones Eléctricas SL por un orzamento de 36.863,33 €, IVE engadido, e con ela diminuirase o consumo eléctrico, mediante o emprego de tecnoloxía de alta eficiencia tipo LED, a mellora da eficiencia enerxética da instalación, e a redución dos custos de mantemento debidos ao tipo de lámpadas empregadas, dado que a tecnoloxía LED ten maior vida útil.

Con cargo tamén ao Plan Extraordinario de Infraestruturas e ao Plan + Provincia afrontarase a nova conexión eléctrica do campo, que dende a súa inauguración conta cunha acometida de obra. Tras a autorización de Augas de Galicia, que era preceptiva debido á proximidade co río Bispo, agora só resta un informe para licitar os traballos, que inclúen a dotación dun centro de transformación e que están orzamentados en máis de 60.000 euros.

Ao mesmo tempo, dende o goberno local continuarán co proxecto para xestionar os terreos necesarios para construír un novo acceso ao campo de fútbol, cun ancho e dimensións máis amplas. Esa nova conexión realizarase aproveitando o camiño existente entre os institutos Illa de Ons e Johan Carballeira, o que servirá para crear un vial de entrada máis directo e en mellores condicións para que poidan chegar os autobuses. Así mesmo, a reanudación destas xestións tamén servirá para poder acondicionar pistas de pádel, chave e petanca na contorna do campo.