Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu remata a programación cultural de verán cun balance moi positivo de asistencia

A Concellería de Cultura de Bueu fai un balance moi positivo unha vez rematado o programa Verán na Rúa que combinou espectáculos para toda a familia e cinema nas semanas de agosto. O proxecto gozou de moi boa asistencia en todas as actividades, especialmente nos espectáculos escénicos dos martes na Praza Massó, con máis de douscentos asistentes, que recibiron unha boa valoración por parte das persoas pola súa combinación de humor, maxia e música, así como pola participación do público.

Así mesmo, o cinema na rúa chegou a todas as parroquias da vila, con interesantes propostas das que tamén gozou o público. O programa cumpriu así o seu obxectivo de ofrecer alternativas de lecer para as familias durante o verán.

Ademais, desde finais de xullo o Concello desenvolveu, xunto ao grupo O Mar por Diante o ciclo “Tempo de Lecer” que rexistrou unha media de 150 asistentes por sesión e que nos achegou a diversos aspectos artísticos da vila, todo iso acompañado de varias publicacións editoriais realizadas polo Concello.

FESTAS

Por outra banda, o Concello encargouse da programación festiva do verán, tendo como eixo central as Festas do Carme, pero levando a cabo tamén a organización das festas de Ermelo, Beluso, Ons e Cela ante a ausencia de comisións de festas. Unhas propostas que combinaron verbenas e actividades para todas as idades e que permitiron seguir gozando un ano máis das nosas festas populares.

COLABORACIÓN EN ACTIVIDADES

Ademais da programación propia, o Concello levou a cabo diversas colaboracións para os seguintes eventos culturais: Encontro de Embarcacións Os Galos, actividades literarias de Libraría Miranda e Abrente, Encontro da Cultura Popular Galega de Beluso, Festival SonRías Baixas, XXX Festival Alborada, Romaría de Sanamedio, 25 aniversario de Retrouso, Festa da Xuventude de Cela, Entroido de Verán e FICBUEU, que se desenvolve en setembro.

Ademais, dende a concellaría anúnciase a continuación do programa “Ler conta moito”, que traerá actividades de contacontos ás bibliotecas municipais o 9, 15 e 24 de outubro, coas que se dinamizarán os espazos. Así mesmo, tamén se está traballando na programación das Festas de San Martiño que se celebrarán en novembro.