O Concello de Bueu reivindica o seu ‘Polbo’ no Estaleiro da Banda do Río
- Este sábado celebráronse unhas xornadas sobre este cefalópodo, nas que se falou sobre a orixe da palabra ‘polbo’ e tamén da captura e da cultura mariñeira
O Estaleiro da Banda do Río, moi vinculado coa tradición mariñeira de Bueu, acolleu este sábado, 21 de agosto, unha xornada de promoción do Polbo de Bueu, organizado polo Concello de Bueu coa colaboración da Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu. Este evento, que substitúe á tradicional festa do polbo que non se pode celebrar debido á pandemia, reivindicou a cultura vinculada ao mundo mariñeiro. Así o salientou X. H. Rivadulla Corcón, presentador deste acto, diante das máis de corenta persoas que se achegaron este mediodía para gozar dun evento que puxo de manifesto “a necesidade de defender o dereito das persoas a vivir do mar e de forma digna”.
Xosé Manuel Dopazo, filólogo e lingüista bueués, foi o encargado de impartir a charla “Polbo: un termo en discusión” durante a que explicou a etimoloxía deste termo, a súa traxectoria literaria e a dialectoloxía para concluír que “polbo é a única palabra galega que non ofrece dúbidas e por iso é a máis idónea para empregar”. Dopazo achegou datos filolóxicos sobre o emprego dos termos “polbo” e “pulpo”, a través dos cales conclúe que a forma de “polbo” é máis antiga que a outra que, en todo caso, é probable que se trate dun castelanismo.
A continuación, o grupo local Anda Roda, conformado por Guilleme Inácio, Xulia Feixóo e Jaime Rebollo, interpretou tres pezas musicais vinculadas ao ámbito tradicional e mariñeiro, caso dun valse aprendido de María do Caño, veciña da Illa de Ons. Este grupo reivindicou a necesidade de apoiar a difusión do patrimonio inmaterial, como a música, na cal se expresa o sentir dos pobos.
O acto culminou cunha mesa redonda sobre a pesca do polbo na que participaron José Manuel Rosas, patrón maior de Bueu, e Yaqui Lista, mariñeira de Camariñas. Nela falouse da dureza da pesca do mar e da inmensa calidade do polbo galego, un produto que se alimenta de crustáceos e moluscos e que non deixa indiferente a ninguén. Ademais, Yaqui Lista explicou a súa historia dende que era cativa ata que logrou dedicarse ao mar, “unha decisión que foi complicada, pois meus pais querían que estudase e que non vivise disto”. Sobre as condicións e a complexidade da Costa da Morte e da súa profesión, ela declarou que “a vida no mar é moi dura, pero a min encántame e non sería capaz de facer outra cousa”. A través de Lista, o presentador fixo fincapé na necesidade de visibilizar as mulleres do mar, que sempre estiveron aí e ás que poucas veces coñecemos.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, foi o encargado de pechar as xornadas, e fixo referencia á importancia deste sector económico que tanto aporta á historia da vila. Ademais, o rexedor aproveitou a ocasión para solicitar que o goberno central adopte as medidas necesarias de cara á repatriación urxente de Pablo Costas Villar, mariñeiro bueués que leva once meses secuestrado en Iemen xunto a trinta mariñeiros que sobreviven en condicións infrahumanas.