O Concello de Bueu reivindica a loita contra as violencias machistas e reclama máis recursos
- Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, foi a encargada de ler a declaración institucional con motivo do Día Internacional Contra as Machistas, no que se demandan máis recursos para os CIM
- A performance “A última cea” de Uxía Morán contou dunha forma crúa a realidade da violencia de xénero que viven moitas mulleres
O Concello de Bueu organizou este venres ao mediodía unha serie de actividades con motivo do Día Internacional Contra as Violencias Machistas coas que se reivindica a erradicación das violencias machistas e a loita a prol da igualdade entre homes e mulleres, e que constaron dunha lectura da declaración institucional, e unha performance.
Máis dun cento de persoas concentráronse diante da Casa Consistorial, onde Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, leu a declaración institucional, coa presenza do alcalde e de edís da corporación. O manifesto deste ano fixo fincapé na reclamación de máis fondos para os Centros de Información ás Mulleres (CIM), posto que son o primeiro recurso do que dispoñen moitas mulleres que sofren violencias machistas. De feito, Galiza é exemplo de importantes avances institucionais, como o recoñecemento da violencia vicaria como violencia machista, e de importantes mobilizacións, como amosa a cada vez maior resposta aos feminicidios en convocatorias e asistencia, ou as históricas manifestacións dos 8 de marzo. Neste contexto, continuaba a declaración, “aínda que temos avanzado, queda moito por facer e estamos nun momento histórico de ameazas de retroceso en materia de igualdade. Polo tanto, é necesario dar un paso máis fortalecendo un instrumento coma os CIM. Este é un chanzo necesario para garantir a igualdade de opcións e trato das galegas ao longo do territorio, para avanzar na profesionalización e na mellora da atención e para prever e intervir ante as necesidades actuais”.
A continuación, e despois de gardar un minuto de silencio por todas as mulleres asasinadas, a actriz Uxía Morán interpretou “A última cea”, unha performance na que, partindo da experiencia persoal, tentou achegar, a través do xogo das imaxes corporais, musicais, da danza, do corpo… a realidade que viven miles de mulleres dentro dos seus fogares, en silencio. A peza reflexionaba arredor da última cea, o último baile, a última respiración, e deixou ao público asistente moi impactado pola súa crueza, que era o obxectivo que pretendía a propia Morán, quen confesou que “eu fun vítima de violencia de xénero, estiven oito anos e foi difícil saír, pero tiven o apoio psicolóxico e legal do persoal dun CIM e coñecín outras formas de entender as relacións, menos tóxicas e comprensivas”. Tanto a performance como os contacontos nos colexios están financiadas pola Deputación de Pontevedra no marco das subvencións para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para o ano 2022.
Ao acto asistiron grupos de alumnos e alumnas de centros educativos na vila, aos que, por certo, se dirixiron algúns obradoiros sobre igualdade nas últimas semanas, como un contacontos feminista e a performance de Uxía Morán.
E como xa vén sendo habitual nos últimos anos, o Cineclub Bueu tamén colabora coa programación desta data, e proxectará hoxe pola tarde, ás 21.00 horas, o filme “Unha moza prometedora”, que se poderá ver no Centro Social do Mar con entrada de balde ata completar capacidade. A película, dirixida por Emerald Fennell, conta a historia de Cassie, quen tiña un brillante futuro por diante ata que un desagradable incidente truncou a súa carreira, e agora terá a oportunidade de emendar todo o que non saíu ben no seu pasado, vingándose dos culpables.
A continuación deixámosvos a declaración institucional do Concello de Bueu: