O Concello de Bueu recupera a Festa das Alfombras Florais o 19 de xuño
- As rúas do casco urbano acollerán os tapices florais, mentres que a verbena terá lugar na contorna do Centro Social do Mar e as atraccións se situarán no aparcadoiro das Lagoas
- O Concello anima a todos os colectivos e veciñanza a colaborar na elaboración das alfombras e repartirá o material necesario
O Concello de Bueu celebrará o próximo 19 de xuño a Festa da Alfombras Florais, un evento que se recupera con todo o seu esplendor despois da pandemia e que encherá de cor as rúas do casco urbano. Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura, destacan que “mostramos o noso compromiso con esta festa tan importante para a vila, na que nos visitan miles de persoas para admirar esta arte efémera con tanta historia”.
As alfombras poderán admirarse durante todo o día polas rúas do casco urbano, concretamente en Pazos Fontenla, Eduardo Vincenti, Montero Ríos e Francisco Escáneo, e dende o Concello anímase a todos os colectivos e persoas a participar nunha celebración que é símbolo da nosa identidade. Precisamente, e co ánimo de facilitar os traballos de elaboración dos tapices, o consistorio poñerá a disposición da cidadanía os materiais necesarios, como poden ser a mimosa ou flores. As persoas interesadas poderán dirixirse durante a próxima semana ao 2º andar da Casa Consistorial para solicitar o material necesario.
A festa desta edición incluirá actuacións musicais, atraccións e oficios relixiosos, tal e como viña sendo habitual. Así, o domingo ás 18.00 horas, na Igrexa Parroquial San Martiño de Bueu terán lugar os oficios relixiosos e a procesión do Corpus Christi polas rúas da vila. Concretamente, o percorrido, que estará amenizado pola Banda de Música Artística de Bueu, comezará no cruce entre a rúa Pazos Fontenla con Johan Carballeira, continuará por Francisco Escáneo, Montero Ríos, contorna da Praza de Abastos, Eduardo Vincenti, Pazos Fontenla e rematará na rúa Santán. Pola noite, a partir das 21.00 horas, celebrarase a verbena coa orquestra La Ola ADN no aparcadoiro do Centro Social do Mar. Mentres, na zona das Lagoas situaranse unha decena de atraccións, que volven nesta edición con forza. Concretamente, nese espazo haberá inchables, pista de mini karts, pista de coches, carrusel de cadeas, tirachinas, dragón e saltamontes.
O cartel deste ano, que foi deseñado polo artista local Josuha Xanbreo, fai alusión á cultura mariñeira e á tradición alfombrista da vila, e destaca esta festa, declarada de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo no 2017. Con máis dun cento de anos de antigüidade, o auxe da tradición floral podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950, aínda que nos últimos anos se fixo un gran esforzo por recuperar e centrar o percorrido.
Plan de limpeza e tráfico
Con motivo desta festa e dos diversos eventos que se van celebrar na tempada estival, o Concello de Bueu intensificará os traballos de limpeza e roza dos espazos públicos do casco urbano, que se suman aos que se levan realizando nas últimas semanas polas diversas brigadas nos parques, viais municipais, prazas e areais das aldeas. Neste sentido, e dado o fluxo de persoas que se prevé, o Concello xa acometeu a limpeza dos aparcadoiros de Pescadoira, A Ramorta, e os situados no interior das Lagoas. Ademais, de cara á próxima fin de semana, o Concello agarda poder abrir o aparcadoiro disuasorio da zona do Norte, que se está acondicionando nestes días.
Por outra banda, a Policía Local xa ten ultimado o plan de tráfico para a Festa das Alfombras Florais, que será similar a anos anteriores, e na páxina web e redes sociais oficiais informarase nos próximos días de forma detallada da regulación e restricións.