O Concello de Bueu recibiu a Iria e Nuria Rodríguez Iglesias, destacadas no taekwondo
O Concello de Bueu recibiu este venres, 24 de maio, ás veciñas Iria e Nuria Rodríguez Iglesias, que veñen de colleitar éxitos no Campionato de España Poomsae e Freestyle 2024 celebrado en Monforte de Lemos hai unhas semanas.
O acto tivo lugar no salón de plenos do Concello, e nel estiveron presentes Félix Juncal, alcalde da vila, e outros concelleiros e concelleiras da corporación, quen lles entregaron ás veciñas unhas medallas conmemorativas.
O rexedor salientou que “Bueu tense que sentir moito orgullo de todas os e as deportistas, sobre todo das mulleres porque cada vez son máis as que están facendo deporte e abrindo camiño”. Así mesmo, animou ás dúas rapazas a que “vivades de forma apaixonada a vida e o deporte”.
Nuria Rodríguez Iglesias foi Campioa de España na categoría Freestyle quinteto mixto 12-17 anos, e Subcampioa de España na categoría Freestyle individual feminino 12-17 anos. Iria Rodríguez Iglesias, pola súa parte, quedou Campioa de España na categoría Freestyle quinteto mixto 18 anos.
Estes resultados garanten a súa participación no Campionato do Mundo que se celebrará en Hong Kong a finais deste ano.