O Concello de Bueu recibe aos equipos infantís do Bueu Atlético Balonmán
- Tamén se presentou a Final 4 de 2ª Autonómica, que se celebrará a próxima fin de semana no Pavillón Municipal Pablo Herbello da vila
O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu hoxe pola tarde dous eventos nos que o balonmán foi protagonista e, máis concretamente o Bueu Atlético Balonmán. Concretamente, presentouse a Final 4 de 2ª Autonómica, que se celebrará esta fin de semana no Pavillón Pablo Herbello da vila bueuesa, e tamén se recibiu aos equipos infantís do club que veñen de colleitar varios éxitos deportivos.
Manuel Castro, presidente do club, salientou que “é unha ledicia enorme para nós ser sede da Final 4, e agardamos que sexa unha festa para todo o pobo de Bueu e as persoas que compoñemos o Bueu Atlético”.
Bruno López, da Federación Galega de Balonmán, tamén estivo presente no acto e quixo darlle os parabéns ao club “que goza dunha gran saúde, con moito presente e tamén futuro”, e convidou a todas as persoas a “achegarse esta fin de semana porque imos facer a gran festa do balonmán”.
Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde de Bueu, que estivo acompañado de concelleiros e concelleiras da corporación municipal, recoñeceu os éxitos deportivos acadados que “estou seguro de que continuarán no futuro”. O rexedor desexou á cativada que “sigades traendo ilusión, felicidade e traballo, porque só así se conseguen os éxitos deportivos e vitais”. E por último tamén quixo poñer en valor o “gran traballo do Bueu Atlético Balonmán, un club cun enorme tecido asociativo e cunha comunidade que é garantía de solidez para o proxecto”.
A continuación, os concelleiros e concelleiras da corporación, ademais de representantes do club, fixéronlle entrega dunhas medallas aos rapaces e rapazas como lembranza deste día e dos éxitos acadados. O equipo feminino, Lapamán Área de Servicio Bueu Atletico Balonmán, vén de gañar a liga de prata, mentres que o infantil masculino, Supermercados Camar Bueu Atlético Balonmán, fíxose coa Final 4 de Infantil Masculina e Feminina de Culleredo, polo que sairán este xoves cara Granollers para disputar o sector nacional.