O Concello de Bueu recibe aos 7 nenos e nenas saharauís que pasan este verán no programa ‘Vacacións en paz’
- Félix Juncal destacou que “estamos moi contentos de apoiar este fermosísimo proxecto que supón que estes nenos e nenas poidan ter unhas vacacións diferentes co que tamén transmitimos as nosas culturas”
O salón de plenos do Concello de Bueu recibiu este martes, 9 de xullo, aos sete nenos e nenas saharauis que gozan este verán na comarca no marco do programa “Vacacións en Paz” que organiza a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS). Félix Juncal, alcalde de Bueu, destacou que “estamos moi contentos de apoiar este fermosísimo proxecto que supón que estes nenos e nenas poidan ter unhas vacacións diferentes co que tamén transmitimos as nosas culturas”. O rexedor fixo alusión ao “sorriso permanente que tedes nas vosas caras e que nos fai desexar que oxalá algún día todos os pobos do mundo poidan vivir en liberdade”. Pola súa banda, Laura Ogando, edil de benestar social e igualdade, salientou que “é importante este programa que permite os máis pequenos e pequenas estean coidados polas nosas familias e cos que tamén aprendemos da cultura do Sáhara”.
O Concello de Bueu deulles a benvida aos nenos e nenas e ás familias de acollida nun acto no que tamén lles fixo entrega dunhas mochilas e material para o curso escolar. No acto tamén participaron outros concelleiros e concelleiras da corporación municipal bueuesa.
O programa “Vacacións en Paz” é un proxecto de acollida temporal de nenos e nenas saharauís durante os meses de xullo e agosto, no que Galiza leva participando dende o 1991 ofrecendo ás familias saharauís a posibilidade que os seus fillos e fillas gocen dunha estancia agradable, humana e cultural baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras galegas.
Algúns dos obxectivos que se perseguen nesta iniciativa promovida por SOGAPS están reivindicar o dereito dos nenos e nenas saharauís a vivir no Sáhara Occidental e poñer de manifesto a situación na que actualmente viven, perfeccionar a aprendizaxe das linguas castelán e galega que estudan nos seus programas escolares, ofrecer unha alternativa de ocio e tempo libre, e evitar a súa estancia nos campamentos durante os meses de xullo e agosto cando as temperaturas superan os 50º.