O Concello de Bueu recibe ao alumnado francés do Collège Marc Chagall
Un grupo de alumnos e alumnas de secundaria do Collège Marc Chagall, situado preto da rexión francesa de La Rochelle, visitaron esta mañá o Centro Social do Mar, onde foron recibidos polo alcalde da vila, Félix Juncal, e polos concelleiros de cultura, Xosé Leal, deportes, Manolo Otero, e relacións institucionais, Fidel Castro.
Esta actividade insírese no marco dun intercambio co IES Illa de Ons para coñecer as costumes, tradicións, cultura e gastronomía da vila morracense. Así, a finais da semana pasada chegaron a Bueu dezanove rapaces e rapazas, acompañados das súas mestras Brigitte Robin e Frederique Neau, quen permanecerán na vila ata este xoves.
O alcalde de Bueu mostrou a súa ledicia pola visita deste grupo francés, e quixo entregarlle un agasallo institucional para “que sigades afondando na nosa historia”, conformado por unha bandeira da vila, unha réplica da escultura de José Solla e un catálogo informativo da mesma, un libro de vidas e fotografías de mariñeiros, e dous discos con música tradicional.
Esta visita responde á xa realizada polo instituto bueués en maio do 2017.