O Concello de Bueu recibe á Asociación Española de Joyas de Autor
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o concelleiro de relacións institucionais, Fidel Castro, recibiron este venres pola mañá a un grupo de máis de trinta persoas pertencentes á Asociación Española de Diseñadores de Joyas de Autor (AJA), no que están asociados creadores e creadoras repartidos por todo o territorio español e cuxo obxectivo común é poñer en valor as xoias. A visita insírese no marco dunha xornada de encontro entre os asociados/as, sendo este ano o primeiro que a realizan fóra de Madrid.
O alcalde mostrou o seu agradecemento pola visita e aproveitou para presentarlles algúns dos encantos naturais e culturais da vila, tales como o Museo Massó, a Illa de Ons, o Estaleiro da Banda do Río, a Praza de Abastos ou a escultura “Inés Palmira” do artista internacional José Solla. De feito, ao remate do acto, fíxoselles entrega dun agasallo do Concello, conformado por unha réplica da escultura de Solla, elaborada polos integrantes da Asociación Juan XXIII, e varios libros sobre a tradición e a historia desta vila mariñeira.