O Concello de Bueu promoverá unha actuación de mellora ambiental en Agrelo Portomaior
- Esta iniciativa presentarase este venres a partir das seis da tarde no Centro de Interpretación de Agrelo entre a veciñanza e diversos colectivos
- O consistorio xa remitiu a comezos desta semana a solicitude de concesión administrativa ao Servizo Provincial de Costas para poder acometer a actuación
O Concello de Bueu promoverá unha actuación de mellora ambiental e integral na zona de Agrelo – Portomaior, concretamente no coñecido como Paseo José Solla, que é un dos espazos máis transitados tanto pola veciñanza da vila como polas persoas visitantes ao unir dous areais con moito encanto. Despois de presentar a comezos desta semana no Servizo Provincial de Costas a solicitude de concesión administrativa, o goberno local presentará o proxecto entre a veciñanza e diversos colectivos nun acto que terá lugar este venres, 16 de decembro, ás 18.00 horas.
Félix Juncal, alcalde da vila, apunta que “estamos diante dunha actuación moi importante e ambiciosa dende o punto de vista medioambiental e que suporá unha rexeneración de toda a fronte marítima que se degrada ano tras ano”. O rexedor destaca que co proxecto se poñerá remedio a esta deterioración apostando pola mellora nos espazos e no mobiliario urbano, “converténdose este lugar noutro referente máis que se suma aos dos últimos anos e que sitúa a Bueu no mapa de concellos vangardistas e nun reflexo das liñas estratéxicas que aprobamos ao longo destes anos, como o PACE ou o PMUS, e con conceptos como a enerxía, a mobilidade a accesibilidade”.
Dende o goberno local levan xa un tempo traballando na ideación deste proxecto, e de aí que tanto o alcalde como Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, mantivesen varias reunións cos responsables do Servizo de Costas, “o que nos permitiu trazar as liñas básicas e esenciais para poder contar coa concesión administrativa, polo que agardamos que non exista ningún impedimento e se poida conseguir sen problema”.
O proxecto co que conta o executivo bueués está valorado en 1,3 millóns de euros e consistirá na implementación dunha plataforma única con espazos diferenciados para vehículos e peóns nunha franxa, e con prioridade para viandantes e ciclistas, restrinxindo o paso dos coches estritamente necesarios e a unha velocidade reducida. A actuación tamén prevé a instalación dunha grada con vistas ao mar na contorna do Centro de Interpretación de Agrelo, así como a dotación de mobiliario urbano e árbores, de xeito que se magnifique esta gran área de lecer.
O proxecto de mellora do Paseo de José Solla poñerá en valor os espazos naturais que coexistirán cos espazos urbanos que se complementan no municipio bueués, co obxectivo de ir adaptándose ás novas realidades que demandan unha mobilidade amable, para o uso e goce deles por parte da cidadanía, e que camiñan na liña das actuacións que se van levar a cabo en Beluso ou na Canceliña, ambos nas esixencias da Rede Ágora.
Todas as novidades e detalles do proxecto serán explicadas este venres no acto de presentación, para o que se deberá confirmar asistencia a través do correo electrónico comunicacion@concellodebueu.gal ou no teléfono 673256450.