O Concello de Bueu promove as ‘Xornadas da Igualdade’
- O programa do 25 de novembro, Día Internacional da Non Violencia Contra as Mulleres, completarase con actividades para todos os públicos
- Destaca a estrea do documental ‘Agullas’, que foi elaborado polo Concello e que recolle vivencias de mulleres vítimas de violencia machista, así como as visións dos e das profesionais
O Concello de Bueu, a través da concellaría de igualdade, continúa apostando pola educación e a formación como un dos piares básicos na loita contra as violencias machistas. Así o salientaron este xoves Ana Isabel Otero, edil de igualdade, e Montserrat González, directora do Centro de Información ás Mulleres, na rolda de prensa de presentación do programa de ‘Xornadas de igualdade’ que se van celebrar a partir da próxima semana na vila, e que incidirán en diversas áreas. O obxectivo é “dotarnos de ferramentas e de claves á hora de afrontar casos de violencia, desde as distintas profesións implicadas”, destaca Otero.
O programa arrancará o próximo luns, 30 de setembro, coa xornada técnica “Violencia de xénero. Tipos penais. Medidas de protección e valoración de risco”, dirixida ás forzas e corpos de seguridade e axentes que traballan en VIOGEN. Será na sala de xuntanzas do CIM a cargo de Paz Filgueira, actualmente Maxistrada do Xulgado núm 7 de Vigo, e que fora titular durante sete anos do Xulgado de Violencia contra as mulleres nesta mesma cidade.
O persoal docente dos diversos centros educativos da vila terá a oportunidade de participar na xornada do 11 de outubro, que será impartida polo profesor de Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Jorge García Marín, quen se centrará na coeducación e na prevención.
E para os sanitarios, o 22 de outubro programarase unha sesión formativa no Centro de Saúde de Bueu, coa participación da doutora Roanana Izquierdo, pertencente ao grupo de traballo de violencia de xénero do SERGAS.
Desde a concellaría de igualdade tamén avanzan que desde o CIM están traballando na realización dun Protocolo de actuación para supostos de violencia de xénero nos centros educativos, así como na organización de obradoiros de ciberacoso e seguridade na rede, ambas actuacións previstas no I Plan de Igualdade Intercentros aprobado recentemente.
Así mesmo, nunha data aínda por determinar, programarase unha xornada técnica dirixida a todo o persoal que conforma a mesa de traballo contra a violencia do Concello, a cargo de Pilar Fernández Pérez, fiscal do TSX de Galicia, adscrita permanentemente en Santiago de Compostela.
Avance da programación do 25 N
O departamento que dirixe Ana Isabel Otero está ultimando a programación de cara ao 25 de novembro, Día Internacional da Non Violencia Contra as Mulleres, na que se combinarán actividades para concienciar a todos os públicos. Delas destaca a estrea de ‘Agullas’, un documental elaborado polo Concello de Bueu con cargo aos fondos do Pacto de Estado e que recolle historias persoais de mulleres vítimas da violencia machista, así como a visión de diversos profesionais. Segundo destaca Montserrat González, “o obxectivo é deixar claro que as violencias machistas non teñen idade nin clase social, senón que son síntoma da sociedade patriarcal na que vivimos”.
Así mesmo, o 27 de outubro recalará en Bueu a representación teatral baseada no libro Invisibles, de Montse Fajardo, que conta coas recoñecidas actrices galegas Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez.