O Concello de Bueu presentará o proxecto do Parque Urbano Lugrís ao Plan Extra da Deputación de Pontevedra
- O goberno xustifica a decisión en que “é unha obra que polo seu elevado investimento suporía absorber a maior parte dos fondos que temos asignados no Plan + Provincia”
O Concello de Bueu presentará o proxecto do parque de Urbano Lugrís á liña de subvencións do Plan Provincia Extraordinaria, que é a liña para grandes infraestruturas que a semana pasada anunciou a Deputación de Pontevedra e que se lanzará proximamente. O alcalde reuniuse a finais de semana con concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e acordouse que se concorrerá con esta proposta estratéxica para a mocidade. Trátase dun proxecto xa consolidado, valorado en 565.762 €, pero que dende o goberno se actualizará para presentalo a estas axudas, non só a nivel de custes senón con melloras. O que se inclúe no proxecto é o re acondicionamento da actual pista multideporte, a creación dun novo “skatepark” e un “bowl”, sendeiros interiores e a creación dunha gran praza pública.
Así mesmo, entre as melloras que se encargarán están a introdución dunha gran estrutura cuberta orientada cara o aparcadoiro de formigón e que poida servir para acoller os grandes eventos que se veñen organizando neste espazo; a reubicación dos campos de petanca que actualmente funcionan de forma provisional nos xardíns de Urbano Lugrís e que se situarían entre o CPR Virxe Milagrosa e o Campo da Estacada, ou a construción dun módulo fixo de vestiarios e baños para eventos. O que se pretende é recoller todas as demandas para este espazo, e por iso se convocou xa para esta semana unha reunión co despacho de arquitectos SR Skateparks, que é o equipo redactor do proxecto, e o que fará estas modificacións do proxecto antes de presentalo ás subvencións provinciais.
Segundo se avanzou no encontro do presidente da Deputación coas alcaldías da provincia a semana pasada, o máximo da subvención serían 900.000 euros, e a maiores o Concello tería que facer unha achega do 25 % do total. Dende o goberno local xustifícase a selección deste proxecto “porque é unha obra que polo seu elevado investimento suporía absorber a maior parte dos fondos que temos asignados no Plan + Provincia”. Ademais, “unha das condicións que se reclama para optar a esta subvención é que os proxectos, amais dun carácter estratéxico, estean maduros e avanzados”.