O Concello de Bueu presentará no Culturgal o proxecto ‘A cultura flúe en Bueu’
- Xosé Leal, concelleiro de cultura, será o encargado de dar a coñecer iniciativas como o Espazo Convida, a Semana da Cultura Mariñeira ou as Freguifestas este sábado ás 19.00 h no posto da Deputación
O Concello de Bueu volverá estar presente un ano máis na Feira de Industrias Culturais Culturgal que se celebra durante toda a fin de semana no Pazo Provincial de Pontevedra. Segundo destaca Xosé Leal, concelleiro de cultura, este sábado presentarase o proxecto “A cultura flúe en Bueu” a partir das 19.00 horas no posto da Deputación de Pontevedra. Empregando a auga doce e salgada como leitmotiv, o Concello dará a coñecer diferentes programas municipais como o Espazo Convida, a Semana da Cultura Mariñeira e as Freguifestas, co obxectivo de presentalos entre o público asistente e, sobre todo, entre os e as profesionais do sector co fin de tecer redes de cara á planificación sobre os programas e estratexias culturais na vila.
Ademais, a Deputación de Pontevedra difundirá durante os tres días da feira un vídeo sobre os concellos da provincia, no cal Bueu estará presente a través do tráiler do audiovisual “O Ronsel do Mar”, no que se visibilizan as achegas ao patrimonio e á historia bueuesa de Manuel Aldao e Manolo Purro.
Xosé Leal apunta que “é importante contar con este espazo para a difusión das políticas culturais dos concellos”. De feito, nas anteriores edicións da feira, o Concello de Bueu xa tivera a oportunidade de presentar outras iniciativas como os premios literarios, ou o proxecto “Bueu Gozosos Anos 30”, a través dos que puxo en valor o “carácter transversal da cultura, cunha aposta decidida pola lingua galega, a perspectiva de xénero e o carácter democratizador, que se manifesta tanto na variedade de públicos como de localizacións”.