O Concello de Bueu presenta o programa de ‘Nadal Sostible’
- Este ano preséntanse moitas novidades, entre as que destacan os obradoiros de confección de adornos con materiais de reciclaxe, ademais dos de repostería, o cinema de Nadal e as actividades nas parroquias
- Os máis pequenos e pequenas recibirán as visitas do Apalpador, Papa Noel e dos Reis Magos
- Este ano preséntanse moitas novidades, entre as que destacan os obradoiros de confección de adornos con materiais de reciclaxe, ademais dos de repostería, o cinema de Nadal e as actividades nas parroquias
- Os máis pequenos e pequenas recibirán as visitas do Apalpador, Papa Noel e dos Reis Magos
O Concello de Bueu presentou este xoves a programación do ‘Nadal Sostible’, no que se ensamblarán actividades para todos os públicos cun punto en común: a sostibilidade e a conciencia sobre o medio ambiente. Así o destacou Félix Juncal, alcalde da vila, no acto celebrado na entrada do Centro Social do Mar, onde estivo acompañado do concelleiro de cultura, Xosé Leal, da edil de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, e de diversos representantes do tecido comercial da vila.
A programación arranca xa esta fin de semana con dous concertos musicais: o concerto de corais ‘Xa chega o Nadal’, organizado pola Coral Polifónica de Bueu, e que se celebrará o sábado ás 20.00 h no Centro Social do Mar; e o do Gospel Vida, que terá lugar o domingo ás 18.00 h no mesmo espazo. Previamente, e co obxectivo de ir preparando as rúas do casco urbano, anímase a a toda a cidadanía a colaborar na decoración das árbores que o Concello instalará en cada intersección de rúas, o venres a partir das 18.30 h.
Durante todo o Nadal, concretamente entre o 23 de decembro e o 3 de xaneiro, impulsarase por primeira vez un Campus Multideporte dirixido a nenos de 6 a 12 anos. Nel proporase a práctica de deportes como o balonmán, o bádminton, o colpbol, o hockey, as xincanas ou probas de orientación, entre outros. O obxectivo é ofrecer unha alternativa saudable e festiva para a rapazada, ao tempo que axuda á conciliación familiar na época vacacional.
Para promover a convivencia interxeracional organízanse uns obradoiros sostibles que se celebrarán polas mañás na carpa do exterior do Centro Social do Mar, concretamente os días 21 e 27 de decembro e 3 e 4 de xaneiro a partir das 11.30 h. Neles confeccionaranse adornos relacionados con estas datas con produtos reciclados, baixo a máxima ‘Reduce – Reutiliza – Recicla’. Outra das actividades estrela e novidosas deste Nadal serán os talleres de repostería ‘Lambenadal’, que terán lugar no 1º andar da Praza de Abastos o 23, 26 e 28 de decembro ás 11.00 horas.
Como xa vén sendo habitual na programación do consistorio, as actividades levaranse a todas as parroquias e lugares da vila. Así, o 23 de decembro, ás 17.00 h, a Casa da Aldea de Meiro acolle unha contochocolatada con Georgette, que tamén se poderá ver o 30 de decembro no Parque Ramal dos Galos. Esta actividade estará dirixida pola poeta Tamara Andrés que ofrecerá contos e chocolate baseándose nunha personaxe creada por ela.
En Beluso organizarase un espectáculo de maxia o 27 de decembro ás 19.00 h, e en Cela, contacontos o 3 de xaneiro. No Estaleiro da Banda do Río destaca o concerto de Fuzzo, que se celebrará o 28 de decembro ás 11.00 h.
A hostalería tamén será protagonista a través das “Cantadas de Nadal”, que levarán música tabernaria polos locais do centro urbano o 22 de decembro a partir das 12.00 h, e polos do barrio da Banda do Río, o 29.
E tampouco hai que esquecer as sesións de cinema de Nadal para compartir en familia. Concretamente, poderase ver “Mía y el león blanco” o 26 de decembro ás 18.00 h no Centro Social do Mar, e o 2 de xaneiro, “Wall E”.
Entre o comercio local o Concello está repartindo uns vales desconto que o comercio local repartirá entre os clientes para que poidan gozar das dúas atraccións da Praza Massó.
Visita do Apalpador, Papa Noel e Reis Magos
No programa deste ano tamén están previstas as visitas das autoridades que máis agarda a cativada. Así, da man da Deputación de Pontevedra, o Apalpador baixará das montañas para visitar ás nenas e nenos acompañado dun acordeonista, dun guitarrista e dun burro fariñeiro para comprobar se todas e todos se portaron ben e comen o suficiente para afrontar o inverno. O acto, que terá lugar o 23 de decembro ás 12.00 h na contorna do Centro Social do Mar inclúe un percorrido pola tradición propia e pequenos fragmentos lúdicos para concienciar sobre o coidado do medio e a alimentación saudable.
A seguinte visita será o 24 de decembro cando chegará Papa Noel a partir das 17.00 h á entrada do Centro Social do Mar. E, por último, o 5 de xaneiro está programado un recibimento cos Reis Magos que chegarán ás 12.00 h ao peirao nas embarcacións tradicionais da Asociación Os Galos. Pola tarde, en torno ás 18.00 h, sairá a Cabalgada do Estaleiro da Banda do Río, seguindo o percorrido do pasado ano.
E para rematar o ano…
Na programación deste ano, e tamén como novidades, atópanse dous eventos para despedir o ano. Así, o 31 de decembro, ás 11.30 h, terá lugar unha festa infantil a prol das ANPAS da vila, que se celebrará na carpa exterior do Centro Social do Mar. E para o público adulto, ese día a partir da unha da madrugada, verbena coa orquestra local Distrito 7.
Outros eventos de colectivos da vila
Tal e como vén sendo habitual, os colectivos e asociacións da vila tamén ofrecen interesantes propostas para gozar destas festas: concertos de panxoliñas, presentacións literarias, partidos solidarios, belén vivinte, alfombra floral, bando de nadal, ruta moteira e chocolatada ou a tradicional Romaría de Reis. Desde o Concello agradécese a colaboración de todas as persoas que poñen o seu gran de area para facer destas datas algo inesquecible.