O Concello de Bueu presenta «Bueu naturalmente», un libro para coñecer a flora e a fauna da vila
- O acto terá lugar o próximo sábado, 2 de xullo, ás 12.00 horas na Aula da Natureza de Cabo Udra
- O libro contén textos explicativos e fotos moi coidadas das paisaxes e de detalles naturais da vila
Coñecer a vila de Bueu, as parroquias e lugares dende unha ollada medioambiental, co obxectivo de tomar conciencia da contorna e da necesidade de coidar os espazos. Baixo esta idea nace “Bueu naturalmente”, un libro – guía de J. Gaspar Bernárdez Villegas, Antonio Regueiro Rodríguez e Uxía Garcés Ojea, que pretende dar a coñecer a vila dende a súa flora e fauna, pero tamén dende a pegada do ser humano.
O proxecto, que foi editado en formato físico e que tamén está dispoñible na web do Concello de Bueu, presentarase o próximo sábado, 2 de xullo, na Aula da Natureza de Cabo Udra, nun acto ao que asistirán os autores e que estará presentado por Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente. Precisamente, o espazo elixido para o acto é moi especial, pois conta co distintivo de centro con Bandeira Azul da ADEAC, e é un exemplo do coidado polo patrimonio natural e cultural da vila.
O libro contén textos explicativos e fotos moi coidadas das paisaxes e de detalles naturais. Tal e como recollen os autores nos agradecementos, este proxecto xestouse con Tamara Sotelo, concelleira de medio ambiente anterior, e culminouse após a pandemia e co apoio de Xosé Leal, edil da área actualmente. Algúns dos capítulos dedícanse á paisaxe de Bueu, ás plantas epífitas como as carballeiras, ás plantacións forestais como eucaliptais, piñeirais, soutos de castiñeiros híbridos e outras especies, aos entornos fluviais, á paisaxe agraria, aos espazos litorais (praias, dunas e cantís costeiros), aos espazos verdes urbanos, ás especies exóticas invasoras, e aos cogumelos. Ademais, tamén se tratan de forma individual as zonas de Cabo Udra e o Arquipélago de Ons.
Ao final, Santy Corral, da Asociación Micolóxica Naturalista Liboreiro de Bueu dedica un capítulo aos cogomelos da contorna. Segundo salienta este membro fundador do colectivo, leva vinte e cinco anos realizando estudos sobre cogomelos da contorna, impartindo conferencias de micoloxías e outras temáticas e realizando saídas de campo, despois das cales identificou moitas especies no municipio de Bueu, tratándose en ocasións de especies raras ou citadas por primeira vez en Galicia. Algunhas destas especies que se atopan nos montes de Bueu son Omphalotus olearius, Aereoboletus gentilis, Gyroporus cyanescens, Cantharellus melanoxeros, Hericium cirrhatum, Laurobasidium lauri, Gymnopilus luteofolios, Tremella steidleri, Xylaria violaceorosea, Myceno chlorophos.
Os autores
J. Gaspar Bernárdez Villegas é Doutor en Investigación Agraria e Forestal pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Arquitectura da Paisaxe pola Universidade de A Coruña e Graduado en Enxeñería Forestal e do Medio Natural pola Universidade de León. Desenvolve a súa actividade profesional en diversos campos relacionados coa flora do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, flora de litoral, flora exótica invasora, flora ornamental, árbores senlleiras de Galicia e educación e divulgación ambiental. Ademais é autor e coautor de diversos libros, artigos científicos e de divulgación.
Antonio Rigueiro Rodríguez é Doutor Enxeñeiro de Montes pola Universidade Politécnica de Madrid, Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela adscrito ao Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñería. É profesor, entre outras materias, de botánica forestal no grao de enxeñería forestal e do medio natural. Membro de número da Real Academia Galega de Ciencias, é autor e coautor de numerosos libros de temática diversa, destacando a botánica, os sistemas silvopastorais, a micoloxía, as árbores monumentais e a malherboloxía.
Uxía Garcés Ojea é Diplomada en Enxeñería Técnica Agrícola, con Especialidade en Hortofruticultura e Xardinería pola Universidade de Santiago de Compostela. Formadora en xardinería e agricultura ecolóxica e especialista en xardíns en movemento e xeroxardinería. Desenvolve a súa actividade profesional en diversos campos da formación, deseño de xardíns e educación ambiental, onde comparte cos máis cativos e cativas o seu entusiasmo pola natureza e o medio ambiente.