O Concello de Bueu presenta as liñas estratéxicas do PMUS
O acto celebrouse ás 12.00 h no salón de plenos da Casa Consistorial e a empresa adxudicataria explicou as principais medidas a adoptar no medio e longo prazo
O salón de plenos da Casa Consistorial de Bueu acolleu este xoves a presentación pública do Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PMUS), na que se explicaron as liñas estratéxicas e actuacións principais que se recollen no que vai ser o instrumento de referencia dos vindeiros meses e anos.
Tal e como salientou durante o acto Félix Juncal, alcalde de Bueu, “este documento é imprescindible para mellorar a mobilidade e a relación da cidadanía co medio ambiente e afrontar os retos que temos por diante”. A continuación, a presentación do plan correu a cargo dun integrante de Terravanza, a empresa adxudicataria, que foi o que desenvolveu as seis estratexias que traza o documento: facilitar a mobilidade peonil e ciclista, potenciar o transporte público, racionalizar o uso do automóbil, mobilidade turística e sustentable, mobilidade inclusiva, segura e ambiental, e xestión da mobilidade.
Cada unha destas estratexias consta de medidas e liñas de actuación concretas, a adoptar no medio e longo prazo. Así, para facilitar a mobilidade peonil proponse a creación de sendas peonís, camiños rurais, puntos de aluguer de bicicletas ou eixos cívicos, entre outras. Para potenciar o transporte público, as dúas medidas máis interesantes son a mellora da accesibilidade das paradas e a creación dun punto de intercambio de transporte. Moi en relación con isto están as medidas que buscarán racionalizar o uso do automóbil, como a reordenación do tráfico ou a integración de novas conexións.
No caso da mobilidade turística sustentable, a principal liña de actuación será a de xestionar espazos de aparcadoiros de diversos usos. E xa, por último, no documento tamén se recollen as actuacións que camiñarán na consecución dunha mobilidade inclusiva e segura, co fomento de políticas de accesibilidade, eliminación de barreiras arquitectónicas, a mellora da seguridade nos cruces de vías, os camiños escolares ou a incorporación do vehículo eléctrico.
O Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PMUS) está subvencionado pola Deputación Provincial de Pontevedra e conta cun orzamento de 13.303,95 euros. O PMUS concibirase como o instrumento de referencia á hora de mellorar as redes de comunicación do concello, construíndo espazos para a cidadanía e fomentando unha necesaria sintonía co medio ambiente, cunha especial atención aos obxectivos da Estratexia Europea 2020.
Para a súa elaboración mantivéronse ao longo dos meses previos unha serie de encontros sectoriais con colectivos e asociacións e recolléronse datos dunha enquisa cuberta entre a cidadanía. O seguinte paso é remitir o documento á Deputación de Pontevedra para a súa validación e aprobación no pleno da corporación.