O Concello de Bueu presenta as candidaturas das bandeiras azuis para a próxima tempada
- O consistorio presenta por primeira vez a candidatura para conseguir que o Estaleiro de Purro, na Banda do Río, sexa centro azul ao igual que a Aula da Natureza de Cabo Udra e o Centro de Interpretación de Agrelo
- Ademais presentaranse as praias da Banda do Río, Area de Bon, Lagos, Portomaior e Lapamán, e os sendeiros do litoral e de Cabo Udra
O Concello de Bueu vén de presentar as candidaturas para a campaña de Bandeira Azul da próxima tempada, á que concorre con dez propostas a través das que o goberno local continúa coa posta en valor do traballo a prol dos recursos medioambientais da vila. A proposta, que foi presentada á Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) dende a concellaría de promoción económica, turismo e praias, inclúe unha novidade nesta edición, que é a candidatura para conseguir que o Estaleiro de Purro, situado na Banda do Río e musealizado recentemente, acade o distintivo de centro azul, sumándose así ao Centro de Interpretación de Agrelo e á Aula da Natureza de Cabo Udra.
O Estaleiro da Banda do Río, que se atopa a carón da praia da Banda do Río, está ligado intimamente coa historia marítima recente da vila bueuesa e por iso o Concello de Bueu levou a cabo nos últimos anos a súa rehabilitación e musealización co fin de conservalo como un dos elementos da arquitectura tradicional mariñeira. Considerada como a derradeira carpintería de ribeira en activo, nela traballaron e formáronse moitos profesionais e veciños; e tamén se construíron infinidade de embarcacións. O seu peculiar aspecto converteuse en parte da paisaxe urbana de Bueu, actuando como referente da cultura mariñeira. É por iso que se presenta a súa candidatura para conseguir o distintivo de centro azul, xa que, como destaca Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, “sería moi importante para a vila de Bueu e para a historia mariñeira, que é un dos obxectivos deste galardón”. Así mesmo, Carballo apunta que este distintivo permitiría enlazar os tres centros interpretativos, pois todos pasan pola senda do litoral e forman unha rede museística á que no futuro se incorporará a sala arqueolóxica do “Bueu Romano”, cuxas obras de rehabilitación se atopan na fase final.
Ademais, o Concello agarda revalidar as bandeiras azuis conseguidas nos últimos anos para as praias da Banda do Río, Area de Bon, Lagos, Portomaior e Lapamán, e os sendeiros do litoral e circular de Cabo Udra.
O consistorio destaca que os distintivos azuis supoñen unha mostra do gran traballo levado a cabo na última década, tanto a nivel medioambiental como de servizos.