O Concello de Bueu presenta alegacións contra o proxecto de instalación dunha gasolineira en Agrelo
O Concello de Bueu vén de presentar alegacións no trámite de exposición pública ao proxecto de instalación dunha estación de servizo nas inmediacións de Agrelo, ante o que a veciñanza do lugar se mostra preocupada. Tras as reunións mantidas cun grupo de persoas do lugar a semana pasada, desde o Concello remitiuse un informe de incompatibilidade deste uso co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que levaría, segundo a firma o concelleiro de urbanismo, Martín Villanueva, a que se arquivase esta solicitude.
A empresa interesada en instalar unha gasolineira nesta zona, Plenoil SA, presentou na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia un proxecto para a súa avaliación medioambiental, un trámite previo á solicitude no Concello, e tras o que se someteu a exposición pública. No marco desta fase, o Concello, recollendo a preocupación veciñal, argumenta que non cumpre coa normativa urbanística, pois o uso de estación de servizo non está autorizado no solo urbano de vivenda unifamiliar. A veciñanza presentou tamén as súas propias alegacións no mesmo senso que o Concello.
Ademais, o informe do arquitecto técnico municipal declara que este uso non é compatible co PXOM, e que as condicións de edificación atentarían contra a calidade de vida en relación ao medio natural e construído. Con este informe técnico e as alegacións, o edil de urbanismo asegura que a Consellería de Medio Ambiente debería de arquivar as actuacións e non continuar con este expediente, tal e como se prevé no artigo 35 da Lei 9/2013, de emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
O goberno local agarda, pois, que a Xunta teña en conta as alegacións dado que a experiencia municipal no planeamento de máis de 30 anos (a través das Normas Subsidiarias e despois do PXOM) leva a delimitar as zonas onde se poden levar a cabo determinados usos, como unha fórmula para equilibrar o uso residencial cos outros.