O Concello de Bueu pospón o acto de descuberta da escultura de Luís Davila debido ao mal tempo
- A escultura vaise instalar nos Xardíns de María Eugenia e anunciarase nova data de inauguración nas próximas semanas
O Concello de Bueu pospón o acto de descuberta da escultura de Luís Davila debido ás previsións de mal tempo. Tras as conversas mantidas entre Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, o mesmo artista, e o estudo de arte que se encargará da elaboración, acordouse trasladalo debido a que “a instalación e os acabados finais da escultura teñen que ser in situ, e ante a chuvia destes días non é posible facela nunhas condicións óptimas como se require nunha obra que quedará para a posteridade”.
O acto estaba previsto para o próximo sábado, 4 de maio, nos Xardíns de María Eugenia, pero finalmente trasladarase a unha data que se anunciará nas próximas semanas, e que se tentará englobar no marco dalgún evento acorde á temática e á importancia da escultura.
Luís Davila é un dos artistas máis recoñecidos para o pobo bueués, e considérase un referente e un orgullo dende a súa labor de ilustrador, deseñador, humorista gráfico e pintor. Por iso, o Concello de Bueu réndelle homenaxe a través desta escultura deseñada por el e na que o mar será protagonista.
Autor das viñetas de O Bichero no Faro de Vigo, Davila colleitou diversos premios de humor gráfico como o Premio San Martiño de Normalización Lingüística de 2014, Premio Xoán Manuel Pintos ao compromiso coa lingüa 2016, Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo 2023.