Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu pon en marcha o programa ‘Manténdonos en forma

O Concello de Bueu, a través da concellaría de deportes, porá en marcha a partir de outubro ‘Manténdonos en forma’, un programa de actividades físico –deportivas para a cidadanía que se desenvolverá na piscina municipal das Lagoas. As persoas que queiran participar nel deberán inscribirse dende este luns, 27 de setembro, presencialmente nas instalacións da piscina en horario de 10.00 a 13.00 h, no teléfono 986138689 ou a través do enderezo electrónico piscina@concellodebueu.gal.

Ricardo Verde, concelleiro de deportes, salienta que “despois dun ano complexo debido ás restricións da Covid-19, retomamos agora as actividades de ximnasia de mantemento”, que contan con gran acollida e demanda por parte da poboación. Así, o programa ofertará un total de 150 prazas, repartidas en seis grupos e en sesións dunha hora de duración, os luns, martes, xoves e venres.

O lugar escollido será a coñecida como ‘Sala Vermella’ da piscina, un espazo amplo e ventilado, que permite poñer en marcha este tipo de actividades cumprindo coas medidas sanitarias contra a Covid-19.

Dende o goberno local continúase apostando polas políticas de fomento de actividades deportivas no marco da acción “Bueu Saudable” que ano tras ano acolle a moitísimas persoas que realizan deporte adaptado, ademais de promover charlas sobre hábitos saudables.