Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu pon en marcha o programa de rutas de sendeirismo para este verán

  • Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salienta a importancia destas camiñadas, que divulgarán o patrimonio natural e cultural da vila
  • A primeira das rutas percorrerá a zona de Ermelo o 25 de xullo, coincidindo coa festividade na aldea

O Concello de Bueu porá en marcha este verán o programa de rutas de sendeirismo coas que se busca a divulgación do patrimonio natural e cultural da vila e o fomento de hábitos saudables. Para cada ruta habilitaranse vinte prazas e as persoas interesadas deberán inscribirse previamente e de balde no formulario web dispoñible en https://concellodebueu.gal/rutas-de-sendeirismo/, ou ben a través do teléfono 986390029 (ext.5) e correo electrónico turismo@concellodebueu.gal.

O luns 25 de xullo será a primeira das saídas, que percorrerá o sendeiro de Ermelo; e continuarase o 6 de agosto polo sendeiro de Chans, o 20 de agosto, por Udra, e rematarase o 3 de setembro pola Ruta dos Muíños.

As camiñadas arrancarán ás 10 h da mañá e percorreranse todas as parroquias e puntos de interese do Concello, co obxectivo de dar a coñecer a fondo a vila morracense.

Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salienta que “levamos moitos anos apostando por un turismo sostible e de posta en valor do noso medio”, e estas rutas contan con moita acollida tanto por parte da veciñanza como da cidadanía que visita a localidade morracense ano tras ano.