O Concello de Bueu pon en marcha o concurso de decoración ‘Bueu, sente o Nadal’
- Ábrese o prazo de participación neste certame que pretende dinamizar a colaboración veciñal e reforzar o ambiente festivo da vila durante as festas de Nadal
- O consistorio repartirá 1.500 euros en tres categorías, que son individual, colectiva ou de escaparates comerciais e hostalaría
O Concello de Bueu pon en marcha o concurso de decoración de Nadal ‘Bueu, sente o Nadal’, co que se pretende dinamizar a participación veciñal ao mesmo tempo que se reforza o ambiente festivo da vila nas datas sinaladas. Con este certame, que se viña demandando socialmente, o Concello busca premiar as mellores propostas de ornamentación de Nadal de vivendas, fachadas, balcóns, rúas, prazas ou escaparates comerciais. Carmen García, concelleira da área de cultura, salienta que “agardamos darlle un impulso ao Nadal na nosa vila buscando a implicación social”.
O prazo para a participación estenderase dende este martes ata o venres 22 de decembro. As bases da convocatoria establecen varios premios divididos en tres categorías, e que en total suman 1.500 euros. Así, haberá unha categoría individual, na que estarán incluídas as fachadas de vivendas individuais, balcóns, fiestras ou xardíns, con premios de 200, 100 e 50 euros; outra categoría colectiva para asociacións e comunidades veciñais, na que poderán participar fachadas de edificios, espazos como rúas, prazas, e nas que tamén se inclúen as asociacións que decoren os locais municipais nos que realizan habitualmente as súas actividades, con premios de 300, 200 e 100 euros; e a última, de escaparates comerciais e hostalaría, na que se incluirán os escaparates exteriores de establecementos e hostalaría, e cuxos premios serán de 300, 150 e 100 euros.
Segundo se establece nas bases, a decoración utilizada terá que ver con motivos o Nadal, con liberdade da técnica empregada, aínda que non se poderán utilizar aquelas que causen perigos. E a decoración terá que estar exposta como mínimo dende o venres 22 de decembro de 2023 ata o 6 de xaneiro de 2024, período durante o cal un xurado conformado por entre 3 e 5 persoas visitarán as decoracións para valorar a súa orixinalidade e deseño, a iluminación, os materiais reciclables empregados, a temática e o fomento dos valores locais.
As bases completas poden verse aquí: