O Concello de Bueu pon en marcha a Semana da Música para revalorizar esta expresión cultural
- O luns ás 20 horas inaugúrase na Praza de Abastos a exposición ‘Bandas de Pontevedra. Homenaxe ás bandas da provincia’
- Entre o 18 e o 24 de xuño están programados diversos actos que terán a música como eixe central
O Concello de Bueu, a través da concellaría de cultura dirixida por Xosé Leal, organiza a Semana da Música con diversas actividades que terán lugar entre o 18 e o 24 de xuño, aproveitando a efeméride do Día da Música, que se celebra o 21 deste mes. O concelleiro destaca que se trata de “poñer en valor a música en clave local e o fomento da historia, ademais da atención a aspectos actuais como a xénese dun disco e a lexislación”.
As actividades arrancarán o luns coa inauguración ás 20 horas da exposición ‘Bandas de Pontevedra Homenaxe ás bandas da provincia’, que se poderá ver ata o 2 de xullo no primeiro andar da Praza de Abastos. A mostra, posta en marcha pola Deputación de Pontevedra, ten como finalidade revalorizar a riqueza cultural deste tipo de agrupacións musicais e en particular as dos concellos, de aí a colaboración da Banda de Música Artística de Bueu. Na creación desta exposición, tívose en conta a particularidade de que Pontevedra é a segunda provincia do Estado español con maior número de bandas, só por detrás de Valencia.
O 19 de xuño, ás 21.00 horas, o contrabaixista bueués Juyma Estévez Trío presentará o seu disco de jazz ‘Viento del norte’ no Parque Ramal dos Galos. Sen dúbida, será unha boa oportunidade para gozar da música nun espazo que se busca revitalizar desde o goberno local. Ademais, o músico tamén explicará a orixe do seu disco e o proceso de gravación, que se fixo na vila bueuesa.
Continuará a semana coa charla sobre ‘Lei, músicos e festivais: respostas dun avogado a preguntas frecuentes’, a cargo do avogado experto Xabier Alonso quen intervirá na Sala Domínguez Búa o mércores ás 21 horas. O obxectivo desta presentación é explicar a lexislación autonómica aprobada recentemente para o desenvolvemento de espectáculos musicais, polo que vai destinada sobre todo a colectivos da vila, así como a grupos musicais e locais de hostalaría.
O historiador local Arturo Sánchez Cidrás falará o xoves a partir das 21 horas sobre ‘A música en Bueu no correr dos tempos’, buscando una perspectiva histórica do avance das manifestacións musicais desde o pasado ata o presente.
E por último, o domingo 24 de xuño, e como vén sendo habitual cada ano, a Aula de Música do Concello de Bueu celebrará o seu concerto de fin de curso, no que as persoas participantes nas clases de música activa, canto e solfexo, e piano ofrecerán unha demostración do aprendido, nun acto que se celebrará ás 20 horas no Centro Social do Mar e que contará coa actuación da Asociación Folclórica Recordos da Nosa Terra e da Coral Polifónica de Bueu. Entre as novidades deste ano están a interpretación dunha canción inédita titulada “Ar o caldeiro” a cargo do alumnado de música activa.