O Concello de Bueu pon en funcionamento a Oficina Virtual Tributaria
- O alcalde de Bueu destaca que se trata dunha ferramenta que reduce os tempos de agarda e fomenta o mecanismo de acceso aos trámites tributarios
O Concello de Bueu pon en marcha a Oficina Virtual Tributaria (OVT), un portal desde o que os e as contribuíntes poderán realizar comodamente os seus pagamentos a través da rede. Precisamente, a posta en marcha coincide co comezo do período de cobranza do Imposto de Bens Urbanos (IBI) que se abriu o pasado 29 de xuño e que estará dispoñible ata o 31 de agosto.
Para levar a cabo a operación, é suficiente con que accedan a ela a través da web oficial do Concello, e no apartado «Pagar os meus recibos» introduzan o seu DNI e a referencia de cobro. Segundo destaca Félix Juncal, alcalde de Bueu “trátase dunha ferramenta que fomenta os mecanismos de acceso aos trámites tributarios e reduce os tempos de agarda”. Esta mellora súmase á recente renovación da páxina web municipal, coa que “continuamos impulsando a participación cada vez máis activa da cidadanía na administración”, subliñou o rexedor.
Ademais, cómpre destacar que as posibilidades da OVT son moito máis amplas, pois unha vez que as persoas se identifican mediante certificado dixital poderán acceder á conta tributaria co Concello, dende a que poderán realizar operacións como as seguintes: os seus valores en voluntaria, executiva ou os que estean incluídos nun expediente de constrinximento, expedientes de xestión, bens que constitúen obxectos tributarios, localización na cartografía oficial do Catastro, domiciliación dos recibos, alta de autoliquidación de vehículos, pagamento de recibos, modificación dalgúns datos persoais, consulta de recibos anulados, xustificante de recibos pagados, impresión de documentos cobratorios, identificación de condutor en sancións de tráfico.