Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organizou unha charla informativa sobre o Servizo de Atención Temperá

  • Esta iniciativa atenderá a nenos e nenas de 0 a 6 anos con risco de padecer trastornos no desenvolvemento
  • O servizo é de balde para as familias e sitúase nun local da rúa Santan 17, baixo esquerda

O Concello de Bueu vén de poñer en marcha un Servizo de Atención Temperá (SAT), cuxo obxectivo é promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións á poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos co fin de facilitar a súa autonomía persoal e a inclusión. Precisamente, e co obxectivo de informar á cidadanía, o pasado mércores organizouse unha charla aberta na que participou Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, e membros do equipo do programa.

A concelleira apuntou nesta charla que o servizo ponse en marcha por primeira vez e que pretende ser un apoio ás familias e aos nenos e nenas de cara a dar respostas o máis axiña posible ante o risco de padecer certos trastornos.

Os servizos ofrecidos polo equipo SAT Bueu nun local con enderezo na rúa Santán 17 baixo esquerda, que conta cun logopeda, unha fisioterapeuta e unha psicóloga con formación e experiencia no desenvolvemento infantil. O obxectivo é detectar trastornos no desenvolvemento en nenos e nenas de 0 a 6 anos, aínda que o acceso ao servizo debe facerse dende pediatría do/a menor.

Segundo se explicou na presentación, poderán precisar atención temperá os nenos e nenas que teñan unha demora ou dificultade no desenvolvemento, se están nunha situación de exclusión ou desaxuste que poida derivar nun trastorno ou retraso evolutivo se non hai mediación, ou se existe un contexto de desamparo ou vulnerabilidade.

Este servizo finánciase no marco da Rede galega da atención temperá, co apoio da Unión Europea no Programa Operativo FES Galicia 2014-2020.  As persoas interesadas en obter máis información poderán contactar a través do teléfono 623292191 ou no enderezo electrónico bueusat@gmail.com.

O Concello de Bueu leva moitos anos implementando políticas sociais, a través das que se apoia a todas as persoas e se atenden diversas dificultades económicas. Para iso se puxeron en marcha obradoiros de memoria para fomentar o envellecemento activo, ademais de contar cun programa de apoio psicolóxico ao menor, entre outras iniciativas.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE O SERVIZO DE ATENCIÓN TEMPERÁ: