Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organizará unhas xornadas mariñeiras con venda, degustacións e charlas sobre o mar

  • O evento celebrarase o 5 de novembro no aparcadoiro de As Lagoas e será un escaparate para coñecer tamén novos proxectos
  • Ábrese un prazo de inscrición ata o 25 de outubro para a colocación de postos gastronómicos e/ou de produtos relacionados co mar

O Concello de Bueu organizará o próximo 5 de novembro unhas “Xornadas Mariñeiras”, nas que se promoverá o sector do mar, con venda de produtos, degustacións e charlas sobre diversas cuestións relacionadas. Así, de cara a estas xornadas ábrese un prazo de inscrición ata o 25 de outubro, para que as empresas ou marcas interesadas se anoten tanto para a colocación dun posto gastronómico como calquera outro comercio de temática mariñeira.

Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, está deseñando xa a programación deste evento que pretende ser un escaparate para poñer en valor “a nosa historia e a cultura mariñeiras”. O evento terá lugar no aparcadoiro de As Lagoas, na zona céntrica. Alí haberá postos de comida mariñeira, con especial fincapé en produtos como o polbo e o mexillón, degustacións, presentación de proxectos e charlas, actuacións musicais e tamén actividades para a cativada.

A iniciativa irase pechando nas próximas semanas, e por iso se fai un chamamento para que a hostalaría local se una e se poida contar cun número importante de locais adheridos.  As persoas que desexen máis información ou inscribirse poderán facelo directamente no correo electrónico de Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo: silvia@concellodebueu.gal.

O Concello de Bueu leva anos apostando pola dinamización do comercio e a hostalaría local, e polos hábitos saudables. De aí que este mercado entronque coas feiras ecolóxicas e artesanais que se organizan dende hai máis dunha década e que contan con gran acollida entre a poboación. Ademais delas, hai anos puxéronse en marcha unha serie de mercados temáticos polos que tamén se interesaron tanto os locais como a cidadanía en xeral.