O Concello de Bueu organiza unha xornada de formación sobre igualdade no Centro de Saúde
- A médica Rosana Izquierdo Fernández será a encargada de impartir esta xornada o próximo venres
O Concello de Bueu, a través da concellaría de igualdade, continúa apostando pola educación e a formación como un dos piares básicos na loita contra as violencias machistas. Este venres, 3 de xuño, a partir das 8.15 horas da mañá celebraranse unhas xornadas de formación sobre igualdade no Centro de Saúde de Bueu. Serán impartidas por Rosana Izquierdo Fernández, médica de atención primaria do Centro de Saúde de Coruxo (Vigo) e responsable do grupo de traballo de violencia de xénero da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC).
Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, destaca que “é importante dotarnos de ferramentas e de claves á hora de afrontar casos de violencia, desde as distintas profesións implicadas”. Por iso, esta xornada abordará pautas de actuación na atención primaria, así como o protocolo da violencia de xénero.
Esta actividade, que se leva a cabo no marco das subvencións do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, súmase aos obradoiros de igualdade que se están levando estas semanas aos centros educativos de primaria e secundaria da vila, nos que os rapaces e rapazas reflexionan sobre mitos do amor romántico, a violencia de xénero e as redes sociais, o apoderamento feminino, e a diversidade afectivo –sexual.
As xornadas de formación dirixidas a diversos profesionais foron organizadas por primeira vez no ano 2019, con sesións para corpos de seguridade, persoal sanitario, profesores e profesoras, e cidadanía en xeral. Estas accións teñen como obxectivo avanzar cara unha sociedade máis xusta e igualitaria, e pretenden dar cumprimento ao recollido nos plans de igualdade aprobados polo Concello de Bueu.