Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organiza o 23 e 24 de novembro un Mercado de Nadal co comercio e a hostalaría da vila

  • Celebrarase os dous días nunha carpa situada no aparcadoiro de As Lagoas, e o obxectivo é dinamizar o tecido comercial da vila, ademais de ofrecer propostas para as compras previas ao Nadal
  • Os comercios ou hostalería interesada en participar pode inscribirse de forma presencial, a través do enderezo electrónico silvia@concellodebueu.gal ou no teléfono 986390029 (ext. 2)

O Concello de Bueu organizará o 23 e 24 de novembro un Mercado de Nadal co comercio e a hostalaría de vila, co fin de fomentar as compras no municipio e, ao mesmo tempo, dar a coñecer o tecido comercial. O mercado vaise desenvolver nunha carpa situada no aparcadoiro de As Lagoas, en pleno casco urbano, e dende a concellaría de promoción económica e turismo ábrese o prazo para que os locais interesados en participar se inscriban, ou ben de forma presencial no Concello, a través do enderezo electrónico silvia@concellodebueu.gal ou no teléfono 986390029 (ext. 2).

Silvia Carballo, concelleira da área, destaca que “o que queremos é converter As Lagoas nun centro comercial e que a cidadanía tome conciencia do tecido local e da súa importancia”. Debido a iso, ou quizais por iso, dende o consistorio elixiuse a fin de semana anterior ao coñecido como Black Friday (venres negro), e será un mercado aberto a todos os sectores e servizos.

A actividade conta coa colaboración da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo), aínda que poden anotarse todos os comercios independentemente de que estean ou non asociados; e complementarase cunha programación cultural paralela para animar á cidadanía a asistir e a realizar as súas compras de Nadal por adiantado. Ademais, tamén haberá a posibilidade de que a hostalaría local poida montar postos ou barras de bebidas e comidas, para o que se require de inscrición previa a través do mesmo correo e teléfono.

Non é esta a única actividade prevista para novembro, pois dende o Concello organizaranse no mesmo espazo de As Lagoas as tradicionais Festas de San Martiño, e o 17 de novembro celebrarase un mercado ecolóxico e artesanal, cuxo prazo de inscrición se atopa aberto ata este xoves.