O Concello de Bueu organiza este xoves un Samaín terrorífico con actividades diversas para a cativada
- O programa, que se celebra no Parque Ramal dos Galos, incluirá obradoiros de chapas terroríficas, decoración, animación dunha cabaza xigante, concurso de cabazas, contacontos, chocolatada e un roteiro polos comercios da zona
O Concello de Bueu, a través da concellaría de cultura, infancia e mocidade, organizará este xoves, 31 de outubro, unha xornada dedicada á celebración do Samaín, con xogos e actividades diversas para a cativada e as persoas adultas.
O Parque Ramal dos Galos, ao lado da recentemente habilitada Biblioteca Municipal Torrente Ballester, será o epicentro de todas propostas organizadas co medo e o terror como protagonistas, aínda que con propostas para todas as idades. E para iso, xa dende comezos desta semana se está traballando na ambientación do parque, no que se recreará un cemiterio, haberá meigas e moitas cabazas.
A xornada arrancará ás 16.30 horas cuns obradoiros de elaboración de chapas terroríficas, no que as persoas participantes poderán deixar voar a súa imaxinación e crear os seus propios deseños. Para esta actividade haberá dúas quendas, ás 16.30 e ás 17.30 horas, con inscrición previa.
A continuación, ás 18.30 horas, Caxoto sorprenderá co espectáculo “Contos de medo que deixan durmir”, no que se presentarán personaxes sinistras que percorren pola noite os nosos camiños, como a Santa Compaña, a Morte, as magas, o Sacaúntos, o home lobo, os tronantes, as mouras etc. Ademais haberá animación para decorar unha cabaza xigante, un concurso de cabazas e chocolatada.
Ademais, durante toda a tarde, coa colaboración dos establecementos comerciais da zona, organizarase un roteiro de Samaín. Nesta actividade, os máis pequenos e pequenas terán que percorrer diversos locais da zona e conseguir todas as tarxetas relacionadas con figuras míticas do Samaín, despois do cal recibirán un agasallo no Parque Ramal dos Galos. Os establecementos participantes son Farmacia Ramal dos Galos, Cevyp Informática, Deportes Melson, E&A Fisioterapeutas, Muebles Comedeiro, Blue Lake, Cereales López e Peluquería Juan Villar.