Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organiza este sábado unha festa homenaxe á Sala Paraíso

  • O evento será na carpa de As Lagoas a partir das 22 horas e nel haberá lembranzas e música daqueles anos da Sala

O Concello de Bueu organizará este sábado, 14 de decembro, unha gran festa en homenaxe á Sala Paraíso, un dos locais nocturnos máis míticos e con máis historia da vila. O evento está programado na carpa de As Lagoas a partir das 22 horas e nel haberá música, servizo de barra e moita diversión.

Así o anunciaron este martes na rolda de prensa Silvia Carballo e Carmen García, concelleiras de turismo e cultura, respectivamente, que agradeceron a colaboración da familia por “facer este tributo á Sala Paraíso, a máis importante de Bueu e de toda a comarca probablemente”. A festa do sábado pretende ser unha recreación e unha lembranza a esta Sala situada na rúa Santán e que pechou as súas portas no 2004 logo de décadas de actividade e sendo o lugar de ocio de varias xeracións tanto da vila como da contorna. Segundo Silvia Carballo, “é moi emocionante e todo o mundo vai desfrutar cos recordos porque moitas familias comezaron aquí”.

O evento do Concello faise coincidir coas próximas obras de demolición deste emblemático espazo que se destinará á construción dun edificio. Pero non é este o único recoñecemento, pois xa no Entroido do ano 2018 se organizou un acto de homenaxe aos fundadores desta Sala. Precisamente, na rolda de prensa de hoxe estivo tamén Fernando Omil, un dos fillos dos donos e quen destacou que “estamos moi agradecidos co Concello con esta sala que naceu no 1947 e pola que pasaron os grandes artistas da época dourada do pop rock español”.

A festa é un convite para que todas as persoas saquen as roupas da época do armario. Para iso na carpa haberá elementos que recordan a sala, e contarase coa participación e dous dos últimos DJs, Roberto Pousada e Santiago Dopazo.

A Sala Paraíso e a súa historia

A Sala Paraíso, situada na rúa Santán, naceu no 1947 e estivo en activo ata o 2005, cando pechou definitivamente as súas portas. Por ela pasaron as grandes voces da época do pop e rock español, cunha especial popularidade entre os anos 60 e 80. A Sala ten as súas orixes nun local de baile co mesmo nome que se situaba na zona da Graña e do que se ten constancia xa dende comezos do século XX.

Segundo destaca Fernando Omil, o seu nome nace dunha planta coñecida como “Ave do Paraíso” que había naquela época na zona da Graña cando os seus bisavós fundaron o local.

Na Sala Paraíso actuaron grandes voces de todos os tempos como Manolo Escobar, Víctor Manuel, Julio Iglesias, Juan Pardo, Los Pecos, Los Ángeles, Los Ilegales ou Manu Chao, e froito diso hai un monte de anécdotas.