O Concello de Bueu organiza do 19 ao 21 de abril a segunda edición das ‘Ghallufadas’, cos xogos e a educación como protagonistas
- A Biblioteca Torrente Ballester encherase de xogos de mesa e de rol e de charlas sobre diversas experiencias exitosas neste eido
- Este evento pioneiro pretende chegar á mocidade e fomentar o intercambio xeracional, ademais de ser un escaparate para o sector dos xogos
Debido ao gran éxito colleitado o ano pasado, o Concello de Bueu organiza novamente as xornadas Ghallufadas, que servirán de escaparate para os xogos de rol durante a fin de semana do 19 ao 21 de abril na Biblioteca Torrente Ballester de Bueu, un espazo recentemente rehabilitado e ao que o goberno local quere dar un impulso con novas propostas.
O evento pretende chegar á mocidade e fomentar o intercambio xeracional, ademais de ser un escaparate para o ocio en galego e a posta en valor das empresas locais, comarcais e galegas dun sector que vive un gran auxe. Carmen García, concelleira de cultura, salientou na rolda de prensa deste luns que “é un evento pioneiro que valoriza os xogos de mesa, e que nesta ocasión se centra na relación da educación”. Na súa compañía estivo tamén Xosé Leal, concelleiro de facenda, e algúns representantes das empresas e creación de xogos participantes, como Joshua Acuña, de Gáidil Bueu, José Antonio García, de Tempus Ludit, Marta Rodríguez, de Ouril Games, e Rubén Cembellín, de Perfect!
Durante esa fin de semana, a biblioteca permanecerá aberta dende as 11 ás 21 horas e nela haberá propostas de torneos de xogos como “Perfect!”, “Spanta”, “Tempus Ludit”, “Rotting Pizza”, “Os gardiáns” ou “Tes terras?”, algúns deles en modalidade para persoas adultas e júnior. A través deles, e das diversas propostas, o que se pretende é achegar o xogo social con numerosos beneficios e transmisión de valores.
Ademais dos xogos, ao longo da fin de semana desenvolveranse charlas con persoas do sector que falarán de proxectos e experiencias exitosas, que é unha proposta que xa se tivo en conta na edición pasada e que nesta ocasión se consolida. O obxectivo é, pois, achegar os vínculos que teñen os xogos de mesa e a educación, con estimulación cognitiva, sobre todo en nenos e nenas, persoas maiores e usuarios con necesidades especiais.
Así, o venres ás 18 horas, Andrea Reroll falara sobre ABX ou a Aprendizaxe Baseada en Xogos. O sábado haberá dúas: a primeira delas, ás 11.30 horas, versará sobre a ABX en persoas de idade avanzada, e será impartida por unha integrante de “Juegos Nómades”; e ás 19 horas, integrantes do proxecto GLIRP falarán sobre a accesibilidade nos xogos de mesa. E o domingo desenvolveranse outras dúas: a primeira será ás 12 horas, e nela Buscalume e Breogame explicarán o proceso de creación do xogo “Navia” de Verkami; e ás 19 horas, dende Dornavela Edicións falarase sobre a mitoloxía galega como ferramenta educativa.
Tanto o sábado como o domingo haberá unha zona libre de xogos de mesa para as persoas que se acheguen a este evento. E tamén se creará un espazo indie que servirá de escaparate para visibilizar e dar a coñecer novos proxectos, unha experiencia que o pasado ano contou con moita participación e na que se materializaron algúns proxectos como “Tes terras?” ou “Navia”.
A programación completa pode consultarse na web do Concello de Bueu e nas redes sociais.